Proposto ó Club Deportivo Lugo un adianto excepcional de 900.000 euros, que terá que devolver integramente

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, os voceiros dos tres grupos políticos con representación no organismo provincial, Manuel Martínez polo PSde-PSOE, Mario Outeiro polo BNG, e Elena Candia polo PPdeG, e o Presidente do Club Deportivo Lugo, José Bouso Alvite, mantiveron un encontro este martes no que abordaron a situación que atravesa o conxunto lugués ante a obriga legal de converterse en Sociedade Anónima Deportiva (SAD) para evitar o descenso automático á Segunda División B da Liga de fútbol profesional. Ó remate da reunión, Manuel Martínez avanzou que o PSOE vén de propoñer que a Deputación realice un adianto excepcional ó CD Lugo de 900.000 euros, que deberá devolver antes do 31 de decembro. Senón o fixera, descontaríamos estes cartos das cantidades que anualmente recibe o Club Deportivo Lugo a través do Plan Estratéxico de Subvencións. O voceiro socialista adiantou que con esta proposta, a nosa intención é iniciar o desprendemento de todas e cada unha das accións que o organismo provincial ten nos clubs deportivos para acadar unha situación regular e axudar a todas estas entidades na provincia, independentemente da súa categoría, en base a criterios obxectivos e co Plan Estratéxico de Subvencións.
Protocolo de actuación
O voceiro provincial socialista explicou que para adiantar estes cartos, así como para garantir o seu íntegro reintegro, propuxemos un protocolo de actuación, que deberá ser aprobado polo Pleno Provincial, así como pola Xunta Directiva e a Asamblea do Club Deportivo Lugo. A nosa intención é celebrar un Pleno Extraordinario o vindeiro luns, no que ademais deberemos acordar unha modificación do Orzamento da Deputación para este ano. O protocolo contempla dúas posibles vías de devolución deste anticipo excepcional: 1).- no suposto de creación de calquera tipo de ente dependente da SAD ou do propio CD Lugo, dando prioridade ó organismo provincial e administracións públicas con respecto a outros colaboradores; 2).- no suposto de que non se produza o citado reintegro en todo ou en parte con anterioridade ó 31 de decembro do 2013, a institución descontará a cantidade da axuda que outorga anualmente ó conxunto lugués co Plan Estratéxico de Subvencións ata compensar os 900.000 euros.
Descartamos a compra de accións
Martínez subliñou que queremos garantir que o CD Lugo, que ten unha gran repercusión económica para a provincia e que leva o nome de Lugo por toda España, se manteña na liga profesional. Por este motivo, propoñemos o apoio financeiro da Deputación, insisto cunha axuda excepcional con totais garantías de devolución. Descartamos a compra de accións. Propoñemos un traspaso ó CD Lugo para facilitarlle recursos. A institución non intervirá en nada máis.
En xaneiro, o Consello Superior de Deportes comunicou ó Club Deportivo Lugo o requisito imprescindible de reunir un Capital Social de máis de 3 millóns de euros antes do 30 de xuño para converterse en Sociedade Anónima Deportiva e continuar deste xeito na Segunda División A da Liga de fútbol profesional.