Deputación de Lugo

A Fonsagrada convértese durante a próxima semana na capital das tapas

A localidade acolle entre o 22 e o 27 deste mes a segunda edición do seu Concurso de TapasA Deputación de Lugo colabora co concello para conseguir que a cita se convirta nun referente gastronómico na provincia Nesta edición participan 19 establecementos, 4 máis que na edición do ano pasado

A Vicepresidenta Primeira da Deputación, Lara Méndez, e o alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, presentaron esta mañá a segunda edición do concurso de tapas da Fonsagrada.

A cita, que se celebrará entre os días 22 e 27 de xullo, servirá para fomentar o consumo e o turismo gastronómico con produtos propios da zona. Nesta segunda edición, son 19 os locais que se presentan ó concurso, 4 máis que o ano anterior. A Vicepresidenta salientou a importancia deste certame afirmando que “serve para estimular a actividade comercial da zona” e que “as iniciativas gastronómicas teñen sempre grande aceptación entre os lucenses”. O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, mostrou un apoio incondicional a este tipo de concursos xa que “a Fonsagrada é unha zona con grandes atractivos para mostrarlle a xente” e destacou a calidade da materia prima afirmando que “os alimentos escollidos polos hostaleiros son de primeiro nivel” e que “ na Fonsagrada de comer ben sabemos moito”.

A Deputación colabora activamente na promoción desta iniciativa pois considera que este tipo de certames, produce beneficios directos na zona xa que activa a economía da vila e ofrece unha nova oferta ós lucenses máis larpeiros.

Dos 19 bares participantes, 17 deles atópanse no núcleo da Fonsagrada e dous nas proximidades da vila. Entre as diferentes propostas atopamos bocados como gazpacho de polbo con queixo, solombo con salsa de champiñóns ao viño ou troita ao aroma do río Lamas, todos pratos que integran elementos típicos da provincia lucense. As tapas poderán degustarse como mínimo dende as 19:30 ata as 23:00, ainda que o horario pode ampliarse se os locais o consideran necesario.

Premios para os establecementos e os seus clientes

As persoas que desexen degustar as propostas do II Concurso de Tapas da Fonsagrada deberán achegarse ó longo da semana que ven ata a vila para valorar as creacións dos diferentes locais. Nos bares e taperías que participan neste certame teñen á disposición dos clientes tarxetas nas que se van colocando os sellos dos locais onde se consumen as diferentes tapas. É necesario acadar un mínimo de 10 sellos para poder ter dereito a voto. Os clientes escollerán a tapa de Mellor Sabor e a de Mellor Presentación. Ademáis, se os usuarios acadan os 19 sellos, entrarán nun sorteo para gañar unha fin de semana nunha casa rural. O local que se proclame vencedor en cada unha das categorías recibirá unha placa conmemorativa e a promoción que supón resultar escollido polo público.

15.000 tapas en 7 días

O certame gastronómico foi un éxito na súa primeira edición, onde bares e taperías serviron máis de 15.000 tapas ó longo dunha semana. Isto quere dicir que de media consumíronse máis de 1.000 tapas por bar, o que supón un aumento significativo no consumo durante eses días nos locais da zona.

As veciñas e veciños acolleron de xeito moi positivo esta iniciativa o ano pasado e non dubidaron en participar activamente no concurso, polo que os organizadores esperan que nesta nova edición se achegue un maior número de visitantes á zona durante estes días . O Bar Manaia resultou ser o gañador da edición pasada coa súa tapa Peixe Sapo en salsa de améndoas con langostino.