Deputación de Lugo

Éxito do plan co que a Deputación dotará gratis de ferramentas tecnolóxicas a PEMES e autónomos, con 80 inscritos só nunha semana

A metade das prazas dispoñibles están xa cubertas con empresas de toda a provincia e dos máis variados sectores, aínda que principalmente dos de servizos e comercio Os interesados poden solicitar ata finais de mes as 70 vacantes que quedan na páxina web www.deputacionlugo.org A Deputación prestará asesoramento personalizado ás firmas para determinar cales son as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade, e daralles formación para que as saiban usar unha vez rematado o proxecto

Preto de 80 PEMES e autónomos da provincia anotáronse en tan so unha semana no proxecto co que a Deputación de Lugo dotará de maneira gratuíta ás firmas participantes de 200 ferramentas tecnolóxicas para que potencien o seu negocio, mellorando a súa competitividade e produtividade, reducindo custes e xerando emprego. Deste xeito, dende que se abriu o prazo de inscrición, o mércores pasado, están cuberta xa máis da metade das 150 prazas dispoñibles neste plan, pioneiro en Galicia e financiado nun 80% por fondos europeos a través do Innova-TE. As empresas inscritas pertencen a toda a provincia e a tódolos sectores, aínda que maioritariamente ós de servizos e comercio. Hai dende firmas de agroalimentación, transporte, formación e turismo, a ópticas, talleres de costura ou estudos de arquitectura e fotografía.

O director dos departamentos provinciais de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, destacou o éxito da iniciativa, e animou ás PEMES e autónomos a seguir anotándose, pois, “ademais de non supoñer ningún custe para eles, recibirán un asesoramento moi próximo, individualizado e continuo; formación especializada e as ferramentas tecnolóxicas que mellor se adapten ó seu modelo de negocio”.

O plan consta de feito de tres fases: asesoramento ós empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalación desas ferramentas; e formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa.

Algúns exemplos das solucións tecnolóxicas que a Deputación proporcionará ás firmas beneficiarias son as seguintes: a implantación da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.

Onde e ata cando poden anotarse

O prazo para que os empresarios interesados soliciten as 70 vacantes que quedan no novo proxecto que a Deputación impulsa a través do Innova-TE, aberto a todo tipo de sectores, estará aberto ata o 30 de xuño. Para elo, non teñen que máis que entrar na web www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ó correspondente formulario de inscrición. As actuacións arrancarán en xullo e estarán listas en decembro.

Atende unha necesidade do tecido empresarial lucense

Pablo Rivera subliñou a necesidade de impulsar este plan para o tecido empresarial lucense porque tan só un 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo –as de menos de 10 empregados- venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais.

Tres gurús do mundo empresarial e TICs

O novo plan emprendido pola Deputación a través do Innova-TE ten un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas.

Terán lugar ó longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial, auténticos gurús no mundo empresarial e das TIC: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.