Deputación de Lugo

A Xunta recoñece graves irregularidades na selección do persoal para os GES en Guitiriz, Quiroga e Courel

Imaxe deputación de lugo
O Deputado Provincial José Luis Raposo esixiu na Comisión de Seguimento a paralización dos procesos de contratación para os GES nestes municipiosA Deputación mantén a súa postura e remarca que non vai a financiar ningunha actuación irregularA Xunta viuse na obriga de convocar esta reunión tras desvelarse que Guitiriz alterou as bases comúns e públicas para a selección do persoal mentres Quiroga e Courel celebraron concursos de méritos e non oposicións, dos que resultaron contratados familiares, entre eles a irmá da Alcaldesa

O Deputado provincial José Luis Raposo participou este luns na Comisión de Seguimento dos GES, que a Consellería de Presidencia se viu na obriga de convocar ante o incumprimento do convenio por parte dos Concellos de Guitiriz, Quiroga e Folgoso do Courel. Na reunión, a Xunta recoñeceu graves irregularidades na selección do persoal para os Grupos de Emerxencia Supramunicipal neste municipios. Raposo esixiu a paralización destes procesos de contratación para axustalos á legalidade, seguindo o establecido no convenio.

Houbo unanimidade na Comisión de Seguimento para anular a selección do persoal realizada en Courel, logo de confirmarse que entre os contratados figuran familiares da Alcaldesa deste municipio, como súa irmá. Nembargantes, o Goberno galego non quixo facer o mesmo cos procesos de selección celebrados en Quiroga e Guitiriz malia recoñecer que ditos Concellos non cumpriron co convenio e cometeron irregularidades. Ante esta situación, o Deputado Provincial mostrouse firme e remarcou que a Deputación non vai a financiar ningunha actuacións irregular.

Convenio

Xunta, Deputacións galegas e Fegamp subscriron un convenio de colaboración para a posta en marcha dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal, facendo que, por primeira vez, Galicia contase con profesionais altamente cualificados para a cobertura das emerxencias. Por este motivo, a tres bandas establecéronse unhas bases para a selección do persoal comúns e públicas en todos os Concellos. En pleno proceso de contratación, Alcaldes e colectivos lucenses, como a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Guitiriz, denunciaron ante o organismo provincial lugués o incumprimento deste acordo en Guitiriz, Folgoso do Courel e Quiroga. Isto motivou, que a Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia a celebración dunha Comisión de Seguimento na que esclarecer irregularidades denunciadas.

Denuncias

Segundo os escritos que chegaron á institución luguesa,o Concello de Guitiriz modificou as bases do proceso de selección de persoal, alterando os requisitos dos aspirantes e as puntuacións. Por exemplo, estableceu que poden concorrer a estas prazas todas as persoas que teñan cumpridos os 16 anos, cando no convenio se determina que hai que ter 18 anos; puntuou cun máximo de 4,5 puntos o traballo desenvolto como persoal do Grumir ou nos Grupos Municipais de Emerxencias, cando no convenio a puntuación máxima e de 3 puntos; cun máximo de 1 punto a prestación de servizo en operativos de intervención directa en emerxencias, accidentes, incendios e outras labores de salvamento, cando no convenio son 2,5 puntos; ou cun máximo de 0,5 puntos POR CADA ANO na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, cando no convenio son 0,5 puntos POR CADA MES.

Folgoso do Courel e Quiroga non celebraron un concurso oposición, senón un concurso de méritos, do que resultou contratada a irmá da Alcaldesa do Courel, Lola Castro. Tampouco cumpriron os prazos fixados pola Xunta para a selección deste persoal, tendo na actualidade todo o persoal contratado cando, os restantes municipios galegos, veñen de publicar a listaxe de admitidos neste proceso.