Deputación de Lugo

A Deputación dá comezo ó MusicAD inaugurando na Capela Cámara Barroca, percorrido fotográfico pola arte galega do XVIII

A exposición está composta por 34 fotografías de seis artistas galegos que dan a súa visión particular sobre a arquitectura e a escultura do Barroco galego, e o diálogo destas co seu entornoA mostra poderá visitarse de xeito gratuíto ata o 21 de xullo, de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas; e fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horasOs actos continúan ata o 21 de xuño, data na que abrirá a Sala Antón de Marcos, co concerto didáctico e interactivo de Carlos Blanco Fadol na Capela e a representación da obra Menciñeiros

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, inaugurou este mércores na Capela de Santa María a exposición Cámara Barroca, a primeira das actividades previstas para o MusicAD, programación coa que o CENTRAD celebra a apertura ó público da nova sala da Colección de Instrumentos Musicais do Centro, que levará o nome de Antón de Marcos, coincidindo coa celebración, o día 21 de xuño, do Día internacional da Música. A exposición recolle os traballos de seis destacados fotógrafos galegos, que dan a súa particular visión da arte barroca en Galicia. Ó igual que durante a presentación do evento que tivo lugar o pasado martes, a música tivo un destacado papel nesta inauguración, grazas ós alumnos do Conservatorio Profesional de Música de Lugo, que interpretaron varias pezas musicais con instrumentos de vento.

Durante o acto de inauguración, que contou coa presenza dos fotógrafos protagonistas, Polín destacou que, “con MusicAD estamos deixando patente que é posible o diálogo entre tradición e innovación en diferentes disciplinas artísticas, coma a música -eixo desta programación-, as artes plásticas coma a fotografía, e o teatro. Ademais, rendemos unha merecida homenaxe a unha das nosas maiores xoias, a Colección de Instrumentos Musicais e Obxectos Sonoros, que aumenta o seu espazo e a súa calidade máis se cabe”.

Cámara Barroca está composta por un total de 34 fotografías, selección dos fondos do Museo de Belas Artes da Coruña, coas que o lucense Eduardo Ochoa; os coruñeses Vari Caramés, Xurxo Lobato, José Caruncho e Xoán Piñón, e o compostelano Tino Martínez dan a súa particular visión da arquitectura e da escultura barrocas de Galicia, atendendo ás particularidades que este estilo presenta na Comunidade. Nas imaxes, pensadas para protexer, conservar e difundir o patrimonio cultural galego, edificacións coma os mosteiros de Samos, Monfero, Oseira, Sobrado do Monxes, San Martiño Pinario ou a catedral de Santiago, dialogan co entorno rural ou urbano no que se atopan.

Horarios de apertura

A mostra, de entrada gratuíta, permanecerá aberta na Capela de Santa María dende hoxe ata o vindeiro 21 de xullo, nos horarios habituais da Capela: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, e fins de semana e festivos de 11:00 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas.

Concerto de Carlos Blanco Fadol

A Capela acollerá mañá, 20 de xuño, a partires das 20:00 horas, o concerto que ofrecerá o etnomusicólogo e investigador Carlos Blanco Fadol, e que contará coa asistencia dos alumnos do Conservatorio Profesional lucense e de todas as escolas de música da provincia, ó tratarse dun recital de carácter didáctico.

Tamén será un concerto interactivo, posto que o público poderá participar tocando instrumentos musicais procedentes do sudeste asiático – chamados angklung-, grazas ás indicacións de Blanco Fadol. Para que calquera poida participar, malia non ter coñecementos musicais, o músico substituirá a linguaxe musical por un códigos numéricos. A entrada é totalmente gratuíta e limitada ó aforo do recinto.

Menciñeiros

Baseada na obra “Escola de menciñeiros” de Álvaro Cunqueiro, esta peza teatral que representarán Pepe Penabade e os músicos Mini e Mero o venres 21 de xuño, a partires das 22:00 horas, na terraza do pavillón 4 do CENTRAD, ofrece unha aproximación dramática a esta figura da tradición cultural galega, para dar a coñecer a súa cultura e o seu saber. Menciñeiros é unha obra viva na que o texto dialoga coa música, converténdoa nunha obra que cambia en cada representación. Coma nos casos anteriores, a entrada é gratuíta.