A Deputación axuda ó Concello de Monforte a reencontrarse co río Cabe
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Alcalde de Monforte, Severino Rodríguez, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), Francisco Marín, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre as tres entidades para acometer novas melloras no cauce do río Cabe ó seu paso por Monforte. Á sinatura asistiu tamén o delegado do goberno en Galicia, Samuel Juárez e máis o subdelegado en Lugo, Ramón Carballo.
O obxectivo deste convenio é a financiación e execución das obras previstas para as marxes do río entre A Compañía e Piñeira. Esta actuación precisa un elevado investimento para o que a Deputación Provincial fai unha importante achega. Esta colaboración da Deputación permite ademais ó Concello de Monforte acceder ós fondos do plan FEDER que posibilitan as obras e que se lle transmitirán a través da CHMS. Deste xeito a Deputación achegará 940.000 euros e a CHMS 3.760.000 euros. O concello de Monforte, pola súa banda, farase cargo dos gastos financeiros e outros custes por valor de case 300.000 euros.
O Presidente da Deputación amosouse satisfeito desta colaboración entre as tres entidades e asegurou que para a institución provincial esta sinatura é máis que unha achega económica. Para Gómez Besteiro proxecto permitirá ós veciños de Monforte e ó concello reencontrarse co río. Segundo o máximo mandatario provincial o desenvolvemento dunha cidade manifestase pola integración e posta en valor dos seus recursos naturais. Aspecto que influe, e moi positivamente, na denominada economía medioambiental dixo. O Presidente destacou que para a Deputación é moi importante a apertura de novos espazos para o desfrute dos veciños, espazos como as marxes dos nosos ríos que durante moitos anos estiveron olvidadas e agochadas.
Pola súa banda, o alcalde de Monforte agradeceu o apoio da Confederación Hidrográfica e da Deputación porque, grazas a este investimento, Monforte vai ser unha cidade mellor e máis atractiva". Severino Rodríguez dixo tamén que "éste é o proxecto máis importante para Monforte nos últimos años, tendo en conta que o casco histórico e o río son oportunidades económicas tamén para unha cidade como Monforte", asegurou o rexedor local.
Aposta pola recuperación ecolóxica e social do río
A Deputación de Lugo distribuirá a cantidade que aportará ás obras en tres anualidades: en 2013 achegará 284.989,36 euros; 482.985,12 en 2014 e 172.025,52 euros en 2015. O prazo de execución das obras é de 18 meses e o concello se fará cargo do mantemento e xestión no futuro.
A Deputación xa achegou en anteriores ocasións outras axudas. En maio deste ano aprobou unha subvención excepcional de 60.000 euros para facer fronte ós gastos derivados da expropiación dos terreos necesarios para a execución destas mesmas obras. Ademais, procedentes dos fondos do Canon Hidroeléctrico, se instalaron nas marxes do río 128 puntos de luz na zona do Multiusos o que supuxo un investimento de preto de 100.000 euros.
Continuidade e uso público
As obras que contempla o proxecto de acondicionamento das marxes do río Cabe entre A compañía e Piñeira pretenden dar continuidade ós paseos xa realizados noutras zonas e permitir o acceso ás marxes do río para o seu disfrute. Ademais se realiza con estas obras unha importante mellora medioambiental da contorna e se prevén inundacións. O plan de obras contempla a construcción de camiños de peóns e pasarelas, o desbroce e recuperación das parcelas degradadas e a instalación de mobiliario público, a plantación de especies autóctonas e, en xeral a mellora da accesibilidade na zona.