Deputación de Lugo

O venres remata o prazo para preinscribirse na Escola de Imaxe e Son, con matrícula gratuíta por 6º ano consecutivo

Os interesados teñen ata o 5 de xullo como data límite para preinscribirse e optar a algunha das 44 prazas de Realización e Produción 2013-2014O 11 de xullo publicarase a listaxe definitiva de admitidos. A matrícula poderá formalizarse dende o 12 ó 19 na sede da EIS e en horario de mañá

O prazo de preinscrición da matrícula para o curso 2013-2014 na Escola de Imaxe e Son (EIS) da Fundación TIC remata este vindeiro venres, 5 de xullo. A EIS, o único centro da provincia que imparte ensinanzas superiores no eido audiovisual, ofrece 44 prazas para os primeiros cursos de Realización e Produción, sendo, por 6º ano consecutivo, a matrícula gratuíta.

Para realizar a preinscripción, os interesados terán que presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web da Fundación (www.fundaciontic.org) ou na propia Escola. A documentación debe entregarse na sede do centro, na rúa Frei Plácido Rey Lemos s/n da capital luguesa.

A listaxe provisional de admitidos, de solicitantes que queden en lista de espera e de excluídos, publicarase o 8 de xullo no taboleiro de anuncios do centro e na web da TIC. Os días 9 e 10 estará aberto o prazo de reclamacións e o día 11 publicarase a listaxe definitiva. A matrícula poderá formalizarse dende o 12 ó 19 de xullo, na sede do centro educativo, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Tanto o impreso como a documentación correspondente, poden descargarse na web da Fundación.

A inserción laboral como prioridade

A Deputación mantén a gratuidade da matrícula por sexto curso consecutivo para todos os alumnos, agás para os repetidores. Deste xeito, o organismo provincial aposta, un ano máis, por unha educación pública de calidade e, ó mesmo tempo, por fomentar a cultura do esforzo. Por ese motivo, a TIC mantén contacto con máis de 70 empresas do sector audiovisual, que permite ós estudantes e bolseiros realizar traballos profesionais ó longo da duración dos seus estudos.