Deputación de Lugo

O Centrad propón duas exhibicións en vivo e exposicións de artesanía para esta fin de semana

Deputación de Lugo colabora coa organización da Feira dos Callos, Canteiría e Artesanía de Parga aportando 3.000 euros, dúas exposicións e varias exhibicións de artesánsDurante a feira poderanse ver ademais exposicións de traxes rexionais e de artesanía de toda a provincia aportadas para a ocasión polo CENTRAD

A Deputación de Lugo achega á Feira de Parga, desta fin de semana, dúas exposicións sobre artesanía da provincia. Trátase dunha colaboración do Centro de Artesanía e Deseño cos organizadores da feira. Dous locais no campo da feira foron especialmente preparados para acoller estas exposicións que conteñen pezas de valor incalculable. As persoas que se acheguen esta fin de semana ata Parga poderán ver no Centro de Dinamización da Feira unha colección de 9 traxes rexionais con diferentes deseños que amosan toda a riqueza artística do traxe típico de Lugo. Trátase de traxes cun valor histórico e artístico enorme e que o CENTRAD se afana en conservar. Por outra banda, o baixo da Escola das Nenas acolle unha mostra de pezas de artesanía de toda a provincia de Lugo. Neste caso, os asistentes poderán comprobar a variedade de materiais e técnicas que se empregan en toda a provincia para facer pezas artísticas. Poderanse ver nesta exposición obxectos de oleiría, pedra, cestería ata madeira ou tea, entre outros, que destacan por estar catalogados como a artesanía propia da provincia.

As dúas exposicións están configuradas cos fondos do CENTRAD que dispón para exposicións itinerantes.

O CENTRAD fai ademáis outra colaboración coa Feira de Artesanía. Co obxectivo de dar unha maior visibilidade ós artesáns da provincia, estarán este domingo en Parga dous Mestres artesáns que farán exhibicións en vivo. Durante a mañá se poderá ver traballar a Marcos Ladra co tallado de madeira e a Cecilia Carballo cun tear.

A Deputación considera que a feira é unha oportunidade única para a posta en valor da artesanía lucense e por iste motivo colabora un ano máis coa Comunidade de Montes Veciñais de Santo Estevo de Parga que organiza a cita. A institución luguesa, a pesar da crise, mantén unha aportación económica de 3.000 euros á cita como mostra do apoio ó sector artesán da zona, o que sumado ás colaboracións do CENTRAD supón unha importante achega para a organización da feira.

A Deputación xustifica esta achega por tratarse dunha cita consagrada que reúne a un importante número de participantes e que serve de impulso dos produtos autóctonos e oficios artesanais da provincia.

Exhibicións en vivo e gastronomía

Como cada ano, a cita inclúe as exhibicións de técnicas de traballo de canteiros que realizarán pezas escultóricas no campo da feira e Parga. De entre todas, se escollerán as mellores para formar parte da exposición ó aire libre coa que conta a Comunidade de Montes Veciñais. O prazo de inscripción permanecerá aberto ata o mesmo día da feira, os que se animen a participar disporán dun bloque de granito silvestre de 40 por 20 cm para facer a súa creación. Os organizadores destacan as características do material co que traballarán, xa que se trata dunha pedra típica da zona e única no mundo.

A pedra non será a única protagonista da cita, senón que dende primeira hora da mañá se poderá ver no campo da feira de Parga outros traballos de artesáns de toda a provincia. Os visitantes poderán mercar pezas realizadas con coiro, madeira ou pedra a prezos moi variados.

Como cada ano, a feira inclúe tamén o seu oco para a gastronomía, neste caso dedicada aos callos, un prato cun forte arraigo na zona, por tratarse dun alimento típico nas antigas feiras das mulas. Os organizadores ofertarán unhas 1.500 racións de callos que se poñerán á venta ao prezo de 3 euros que se reducen a tan só 2 euros no caso de repetir. Os comensales se levarán ademáis a cazola conmemorativa como recordo da feira.