Deputación de Lugo

A Deputación arranca a construción da residencia e centro de día público de Castroverde, que estará rematada nun ano e creará 20 empregos

O Presidente e o Alcalde supervisaron o inicio das obras destas dependencias, que prestarán un servizo público de calidade ós maiores da zona. O orzamento é de 1,4 millóns de euros, dos que o organismo provincial achega 1,2 millóns e o Concello 200.000 eurosAs instalacións, situadas en pleno centro da vila, terán 1.800 metros cadrados de superficie e unha capacidade de ata 48 prazas, ademais de servizos de enfermería, primeiros auxilios, cociña e lavandería Besteiro destaca o “gran esforzo inversor” de Deputación e Concellos para continuar cun proxecto “imprescindible para o benestar dos lucenses, a pesar das numerosas trabas da Xunta que, de xeito inaudito en España, negouse a apoiar esta iniciativa pública”

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Alcalde de Castroverde, Xosé María Arias, supervisaron este xoves o inicio das obras de construción da residencia e centro de día público para a terceira idade deste Concello, unhas instalacións que, coa súa posta en marcha, crearán uns 20 empregos na localidade, nunha das profesións con máis futuro da provincia, como o son todas aquelas vinculadas ós servizos sociais. O proxecto conta cun orzamento de 1,4 millóns de euros -1,2 achegados polo organismo provincial e 200.000 euros polo Concello-, e estará rematado no prazo dun ano.

As dependencias teñen unha excelente situación, pois acondiciónanse no centro da vila, entre as rúas Santiago e Alcalde Xesta. O Concello construíu xa neste espazo a estrutura da residencia con fondos do Plan E, concretamente con 330.000 euros, que recibiu do anterior Goberno central. O centro para maiores castroverdense prestará un servizo público de calidade ós maiores da zona nunhas dependencias que terán unha superficie de 1.800 metros cadrados, e que contarán cunha capacidade de ata 48 prazas, pois as 24 habitacións que está previsto habilitar poderán utilizarse como individuais ou dobres. Terá ademais, salas de estar, lectura, televisión, así como servizos de lavandería, cociña, enfermería e primeiros auxilios.

O Presidente destacou o “gran esforzo inversor” que están a facer Deputación e Concellos para seguir adiante coa implantación de residencias e centros de días públicos no rural lugués, “imprescindibles para garantir o benestar dos veciños da provincia, combater o despoboamento e crear emprego”, a pesar das “numerosas trabas” postas pola Xunta dende o mesmo inicio do proxecto. “Tras máis dun ano esperando a que nos atendesen para coñecer o seu grao de implicación con esta iniciativa, a Conselleira de Mato sorprendeu a toda a opinión pública negándose a concertar prazas nos nosos centros porque, dixo literalmente, non son necesarios, nin prioritarios; e logo, tratou de torpedear o plan, poñéndonos impedimentos para autorizar as obras. Todo isto, evidentemente, retrasounos os prazos de execución”, argumentou Gómez Besteiro.

“A Xunta prima a iniciativa privada”

Sobre a negativa do Goberno galego a concertar prazas nas residencias da Deputación, o Presidente recalcou que é “algo inaudito, único en España, que ante un proxecto público de residencias da terceira idade, a Xunta persista na actitude de non querer concertar prazas. Non lle pedimos, nin axuda para construílas, nin para a súa xestión, senón que apoie un proxecto público, pero visto o visto, o Goberno autonómico séntese máis atraído polos proxectos privados, que por fortalecer o sector público e respaldar unha iniciativa de Deputación e Concellos”.

“Seguiremos avanzando”

Neste senso, explicou o mandatario provincial, a falta de colaboración da Xunta “impídenos, polo de agora, levar a cabo o 100% do noso plan, pero, a medida que vaiamos incorporando máis cantidades orzamentarias, iremos avanzando, porque non renunciamos a el”. De feito, están xa en marcha as obras da residencia e centro de día público da Fonsagrada, ás que se suman agora as de Castroverde, e ás que se engadirán, nas vindeiras semanas, as de Trabada tras asinar, recentemente, o contrato coa empresa adxudicataria. A Deputación tamén ten previsto contratar, proximamente, os proxectos de Pol e Pedrafita, para, a continuación, adxudicar os de Navia de Suarna e Ribas de Sil. Estes –Castroverde, Trabada, Pol, Pedrafita, Navia e Ribas de Sil- son os proxectos que teñen o visto e prace da Xunta e, polo tanto, os que forman parte da 1ª fase da rede de residencias e centros de día públicos do organismo provincial.

Oportunidade de traballo

A construción desta infraestrutura supón, ademais da mellora dos servizos sociais ós veciños de Castroverde e unha oportunidade para fixar poboación no rural, a creación de 20 novos postos de emprego neste municipio. Segundo as directrices da Lei de Servizos Sociais de Galicia, é obrigatorio contar cun mínimo de coidadores por número de prazas, así como de 1 médico e 1 ATS que presenten atención ás 24 horas do día. Tendo en contas as características desta infraestrutura, a Deputación dará traballo ó redor de 8 sanitarios, ademais de persoal auxiliar como administrativos, cociñeiros ou limpeza, entre outros.