Deputación de Lugo

A Deputación inviste en Friol máis de 200.000 euros na mellora de servizos públicos 'tras os recortes do PP'

Martínez e Santos supervisaron o inicio das obras do POS, que executa e financia ó 100% o organismo provincial, logo de que o Goberno Central suprimise a súa achega a esta programaciónA institución acondiciona as rúas Deputación e San Isabel, mellora a vía de Lamas a Narla, e asume o arranxo do sistema de drenaxe nas vivendas socias, ante a “desidia” da XuntaO organismo provincial fai posible a execución dun total de 84 obras na provincia porque incrementou a súa achega ó POS, investindo 2,2 millóns de euros, “tras os recortes do PP”

Os Deputados de Xestión Territorial, Manuel Martínez, e de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, supervisaron este xoves en Friol o inicio das obras de mellora en servizos públicos, que executa e financia ó 100% o organismo provincial, “tras os recortes do PP”, remarcou Martínez. Estes traballos están dotados de 207.300 euros e enmárcanse no Plan de Obras e Servizos. Trátase da programación que tentou eliminar o Goberno Central, suprimindo a súa achega por 1ª vez na historia da democracia, pero que mantivo a Deputación na provincia. Fíxoo tendo en conta o rexeitamento de todos os municipios lugueses á decisión do Executivo de Rajoy, así como a necesidade de executar o POS en Lugo, para reforzar as prestacións ós veciños e combater o paro, facendo fronte, deste xeito, ó despoboamento demográfico.

Os traballos que realiza o organismo provincial en Friol son os seguintes: mellora do firme con aglomerado en quente da CP-2111, ó seu paso pola rúa Deputación, e da CP-2106, ó seu paso pola rúa Santa Isabel; acondicionamento de 5 quilómetro da vía de Lamas a Narla, moi transitada por vehículos pesados, principalmente, por maquinaria agrícola; colocación de bandas rugosas e pasos de peón fronte ás vivendas sociais, onde tamén se arranxará o sistema de drenaxe debido ás continuas inundacións na zona. Con estas últimas actuacións, a Deputación atende as demandas veciñais, asumindo uns traballos que debería realizar a Xunta, como administración responsable destes inmobles. O prazo de execución destas actuacións é de 2 meses.

As obras en Friol forman parte dos proxectos de responsabilidade provincial do POS, ó igual co arranxo da CP-0102 de Fontevella ó Carrizal, no Concello da Pastoriza. Precisamente, a institución tamén porá en marcha nos vindeiras días estas actuacións, que mellorarán as comunicacións coa A-8 dende a Terra Cha. Para elo, inviste en solitario 940.000 euros.

84 obras

Xunto a estes traballos en Friol e A Pastoriza, na provincia execútanse un total de 84 obras mediante o Plan de Obras e Servizos. Isto é posible porque a Deputación incrementou a súa achega ante o investimento cero do Goberno Central. Hai que ter en conta que, nas anteriores convocatorias, esta programación esta financiada nun 50% polo Executivo estatal, nun 25% polo organismo provincial e noutro 25% polos Concellos. Nesta ocasión, o POS está dotado de 3,7 millóns de euros, dos que a Deputación achega 2,2 millóns de euros, é dicir, o 60%, mentres a cantidade restante, 1,5 millóns de euros, invístena os municipios.

As obras lévanse a cabo en todos os Concellos da provincia, agás en Alfoz, Bóveda, Folgoso do Courel, Mondoñedo, Pantón e Trabada, que rexeitaron sumarse ó plan. As actuacións consisten na mellora de accesos a pequenas localidades, pavimentacións de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamento de redes de sumidoiros, instalacións culturais, centros sociais ou alumeados públicos.