Deputación de Lugo

A Deputación apoia á Federación de Asociacións de Veciños na reivindicación de servizos para o HULA

Imaxe deputación de lugo
O Deputado Álvaro Santos Ramos asistiu a celebración do Día do Veciño que reuniu a centos de persoas para compartir un xantar no pazo de Feiras e CongresosA Federación de Asociacións Veciñais organiza por 7º ano esta cita que conta con numerosas actividades nas que participaron máis de 3.000 persoas

O Deputado de Asistencia e Cooperación cos Concellos, Álvaro Santos Ramos, considerou á Federación un exemplo na motivación da cidadanía e na defensa dos intereses xerais, polo que animounos a intensificar a campaña de recollida de sinaturas para esixir os servizos de Radioterapia, Hemodinámica e Medicina Nuclear para o HULA. "Os lugueses non somos galegos de segunda, polo que demandamos servizos de primeira. Non queremos máis promesas incumpridas de Núñez Feijóo. Anúnciolles que a Deputación volcarase de novo coa Federación de Veciños para poñer fin a unha das maiores discriminacións históricas da Xunta de Galicia coa provincia".

O Deputado tamén ratificou o compromiso da Deputación para seguir dotando á cidadanía de novas fórmulas de participación democrática. Na súa intervención puxo en valor o labor da Federación de Asociación Veciñais Lucenses, que conta co apoio da Deputación para a organización desta xuntanza e doutras moitas iniciativas ó longo do ano.

A 7ª edición do Día do Veciño reuniu no Pazo de Feiras e Congresos unhas 3.000 persoas para participar nun multitudinario xantar de convivencia. A cita inclúe numerosas actividades que xa son tradicionais como o partido de políticos e xornalistas contra veciños ou a entrega dos premios “V de veciño” que recoñece o labor de persoas que colaboran co movemento veciñal.

A Federación de Asociacións de veciños Lucenses é o colectivo veciñal máis numeroso de Galicia, con 121 asociacións adheridas e moi activa na organización de actividades e reclamación de melloras para os veciños.