Deputación de Lugo

A Deputación aforra máis de 300.000 euros a 6 Concellos co seu plan enerxético

Son os de Abadín, A Fonsagrada, O Incio, Cervantes, Pol e Samos, onde a institución rematou as auditorías enerxéticas, e para ós que adquiriu novo equipamento, que comezará a instalar, progresivamente, a vindeira semana O organismo provincial asume a totalidade dos custes destes traballos, a diferencia do plan da Xunta, no que os Concellos si se ven na obriga de pagar por esta prestaciónMartínez advirte que as “calumnias” do Partido Popular sobre a Deputación “son unha estratexia para tapar as miserias da dereita, as que investiga a Audiencia Nacional”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, adiantou este venres que a Deputación iniciará a vindeira semana os traballos de instalación de novo equipamento enerxético nos Concellos. Farao, progresivamente, nos 6 municipios onde rematou as auditorías enerxéticas, e para os que adquiriu o equipamento necesario que garante a redución das súas facturas correntes. Trátanse de Abadín, A Fonsagrada, O Incio, Cervantes, Pol e Samos, ós que a Deputación aforra 307.400 euros. Martínez remarcou que “facémolo co noso plan enerxético, ó asumir a totalidade dos custes desta iniciativa mediante fondos europeos, supoñendo un gasto de cero euros para as arcas municipais, a diferencia do plan da Xunta, no que os Concellos si teñen a obrigar de pagar por esta prestación”.

Os máis de 300.000 euros que a Deputación aforra a estes Concellos, distribúese deste xeito: 60.000 euros, ó asumir os custes das auditorías enerxéticas con persoal propio da Axencia Provincial da Enerxía. Hai que ter en conta que o prezo desta prestación é de 10.000 euros no mercado; 76.000 euros son os cartos nos que verán reducidas as facturas enerxéticas con novo material enerxético, tal e como recollen os estudos técnicos; 171.400 euros, ó facerse cargo tanto da compra como da instalación do equipamento. Neste 6 Concellos son 2.600 compoñentes como, por exemplo, lámpadas LED ou válvulas termostáticas.

Aforro de 36.000 euros co Acordo Marco

Precisamente, a Xunta de Goberno deste venres aprobou a contratación de 1.100 compoñentes enerxéticos para Cervantes, Pol e Samos, por valor de 95.561 euros. É a segunda adxudicación que realiza a Deputación ó abeiro do Acordo Marco que acordou para a compra conxunta deste material para aforrar cartos. Deste xeito, o organismo provincial aforrou nesta ocasión uns 15.000 euros, xa que no caso de adquirir este material de xeito individual o custe elevaríase ós 110.000 euros. Coa primeira contratación, que consistiu en 1.500 compoñentes para Abadín, A Fonsagrada e O Inicio, a institución aforrou 21.000 euros ó adquirir este material con 75.800 euros fronte ós 96.800 euros fixados no mercado. É dicir, polo de agora, o Acordo Marco da Deputación supuxo un aforro de 36.000 euros.

37 Concellos

A Deputación ofreceu o seu plan enerxético a todos os Concellos da provincia para, a custe cero, reducir a súas facturas enerxéticas. Son 37 os que, de xeito voluntario, se sumaron a esta iniciativa: O Incio, A Fonsagrada, Abadín, Cervantes, Pol, Samos, Pedrafita do Cebreiro, Negueira de Muñiz, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla, O Valadouro, Navia de Suarna, A Pastoriza, Meira, Becerreá, Viveiro, Riotorto, Ribas do Sil, Guntín, Monterroso, Láncara, Trabada, O Vicedo, A Pobra do Brollón, Ribadeo, Monforte de Lemos, Guitiriz, Portomarín, Sarria, Palas de Rei, Xove, Sober, Quiroga, Friol e Castroverde.

“Estratexia para tapar as miserias da dereita”

Ó respecto da denuncia de Antonio Veiga ó Partido Popular, Martínez subliñou que “neste Goberno Provincial ninguén quere xudicializar a vida política, pero entendemos que o Vicepresidente Primeiro se viu obrigado a defenderse, ante as calumnias da dereita para tapar as súas miserias, esas que investiga a Audiencia Nacional. Non se pode ser pasivo ante un ataque inxustificado contra un representante da Deputación, polo que entendemos que acuda a cantas vías sexan posibles para a defensa dos seus dereitos, independentemente, da opinión final da administración da xustiza. Queremos decirlles ós cidadáns da provincia, que cada vez que vexan ó PP calumniando á Deputación, se acorden de que é unha estratexia para tapar as miserias da dereita, as que toda España e toda Galicia coñece, e as que investiga a Audiencia Nacional”.