Deputación de Lugo

Rematadas 33 melloras nas dotacións públicas do rural da Comarca de Sarria, con 200.000 euros da Deputación

Imaxe deputación de lugo
Autónomos e PEMES da provincia executaron estas obras en servizos municipais de núcleos rurais de todos os Concellos sarrianos, coas que a institución combate o despoboamento, aforra cartos ás entidades locais e mantén empregoA institución financiará outras 33 obras en todos os municipios da Comarca de Sarria, cun novo investimento de 220.000 euros do Plan de Comunidades Veciñais

A Deputación investiu máis de 200.000 euros en melloras das dotacións públicas de núcleos rurais de todos os Concellos da Comarca de Sarria. Os encargados de executar as 33 obras rematadas foron autónomos e PEMES lucenses. Estas actuacións enmárcanse no Plan de Comunidades Veciñais, co que o organismo provincial combate o despoboamento, acondicionado servizos públicos no rural, e mantén emprego, potenciando un dos sectores piares da economía lucense.

As actuacións realizadas consistiron en melloras na traída de auga de pequenas localidades de Sarria, O Incio e Láncara, arranxo de camiños e accesos en núcleos do Páramo, Paradela e Triacastela, e acondicionamento de locais sociais e instalacións de uso común, en parroquias de Samos e Sarria, entre outras. O organismo provincial financiou ó 100% dos traballos, levados a cabo en servizos municipais, aforrando, deste xeito, miles de custes ós Concellos desta Comarca.

A institución mantén aberta esta vía de colaboración cos municipios, investindo outros 2 millóns de euros, cunha nova convocatoria de Plan de Comunidades Veciñais, na que xa hai programadas outras 31 obras nos Concellos sarrianos, cun orzamento de 220.000 euros, que a Deputación volta a aforrar ós municipios.