Deputación de Lugo

A Deputación achega 3.000 euros e 8 xovencas da Granxa Gayoso Castro ó certame vacún de Pedrafita

Imaxe deputación de lugo
Manuel Martínez participa na iniciativa, coa que colabora a institución dentro da aposta polo campo para xerar riqueza e emprego en Lugo, combatendo o despoboamento demográfico

O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, participa este domingo no XXV Certame-Exposición de Gando Vacún de Pedrafita, co que colabora o organismo provincial dentro da súa aposta polo campo para xerar riqueza e emprego en Lugo. A institución achega a esta iniciativa 3.000 euros, ademais de 8 xovencas de élite e preñadas, recriadas na Granxa Gayoso Castro da Deputación, en colaboración con ACRUGA.

A actividade gandeira, así como a calidade deste sector na Montaña, supón que esta iniciativa sexa unha oportunidade económica, coa que facer fronte ó despoboamento demográfico que sofre esta zona luguesa. Trátase dun certame consolidado, como demostra o feito de que esta sexa a súa 25 edición, no que participan centos de persoas. Na anterior convocatoria, houbo participantes de toda a xeografía galega, así como de Asturias e León, que favoreceron a actividade nos establecementos da Comarca.

Reúne unha media de 200-250 cabezas de gando. Entre elas, as 8 xovencas preñadas, de entre 18 e 27 meses de idade, recriadas na Granxa Gayoso Castro, e cedidas pola Deputación. Parten cun prezo de 1.800 euros. Participan reses Rubia Galega e Asturiana. Valorase a súa conformación morfolóxica, potencial de carne e reprodución. Hai premios por un valor total de 4.500 euros ós mellores touros, vacas, e xovencas, ademais dunha categoría para os xatos “carniceiros”.