Deputación de Lugo

A Deputación fará máis competitivas a 40 PEMES da Mariña co programa de implantación das TICs

Son as entidades da Costa sumadas ó Reacciona coas TICs, ás que a institución dotará gratis de software e formación para mellorar o uso das novas tecnoloxíasAlfredo LLano presentou en Viveiro os resultados dos estudos individualizados que realizou a Deputación e dos que se extraen as necesidades informáticas das empresasO programa contempla agora a instalación do software requerido en cada caso e a celebración de cursos formativos específicos para os participantes

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, presentou este xoves os resultados das auditorías sobre madurez tecnolóxica que a institución realizou gratis ás 40 empresas da Mariña sumadas ó programa Reacciona coas TICs. LLano salientou que esta iniciativa dota a entidades lucenses das ferramentas informáticas necesarias para mellorar a súa xestión e competitividade no mercado. Todo isto a custe cero, xa que o organismo provincial asume todos os gastos con máis de 200.000 euros de fondos europeos do Innova-TE.

Na Zona Norte da provincia, hai 36 empresas apuntadas a este plan da Deputación, que inclúe a diagnose, a instalación de software libre e a formación para tirarlle o maior partido ás novas teconoloxías. As entidades participantes pertencen a sectores moi diferentes, que van dende pescaderías ata construtores, pasando por talleres, transporte de mercadorías, turismo e comercio minorista, entre outros. Burela, Viveiro e Ribadeo son as vilas que máis empresas achegan ó plan con 10, 7 e 5 respectivamente, pero completan as cifras outros concellos como Lourenzá, Foz ou Trabada.

Na xornada deste xoves en Viveiro presentáronse os datos do estudo individualizado e exhaustivo, realizado ás empresas acollidas ó programa. Os resultados poñen de manifesto a necesidade de mellorar a formación e uso das TICs nas entidades analizadas. Un 43% carece de web propia, o 78% non conta cunha web orientada ó comercio electrónico, o 76% non emprega sistemas avanzados de xestión de clientes, e un 43% das empresas non dispón de certificado dixital, ente outros aspectos.

Atendendo a estes resultados, a Deputación instalará de xeito gratuíto solucións informáticas nas propias empresas e organizará obradoiros formativos para os empresarios e traballadores. Entre os talleres previstos, segundo as necesidades detectadas, atópase a formación sobre marketing e redes sociais; o xeoposicionamento, o xeomarketing e os códigos QR; a fidelización de clientes con boletíns electrónicos de MailChimp; o aproveitamento da Web ou Blog empresarial; as opcións de Google Docs e outras ferramentas corporativas; e solucións varias para o almacenamento en nube, Dropbox, Google Drive.

A xornada tamén incluíu o relato sobre a experiencia en novas tecnoloxías dunha empresa lucense, DaPedra, dedicada á artesanía de alto deseño coa fabricación de chemineas de interior.

Importante aforro para PEMES e autónomos

Alfredo Llano explicou que a Deputación presta este servizo de asesoramento de xeito completamente gratuíto e inclúe unha diagnose do uso das TICs, a implantación do software oportuno e máis a formación necesaria para sacarlle rendemento ás novas tecnoloxías. Estes servizos terían un custe moi elevado se os empresarios os contrataran pola súa conta, de feito moitas das empresas participantes non se poderían permitir un investimento semellante. A Deputación consegue reducir custes instalando software libre e formando ós traballadores para que se encarguen eles mesmos do mantemento e xestión das ferramentas informáticas.

A institución provincial inviste neste programa máis de 200.000 euros, financiados ó 80% con fondos europeos, nunha clara aposta polas novas tecnoloxías e para impulsar ás PEMES e autónomos como sector económico clave na provincia.