Deputación de Lugo

A Deputación colabora co VII Encontro de Micoloxía do Arco Atlántico que achegará a Lugo expertos internacionais

Sonsoles López Izquierdo, acompañada de Julián Alonso, presentou este encontro, que se celebrará entre os días 31 de outubro e 3 de novembro no Hotel Torre de Núñez na capital da provinciaMáis de 170 expertos internacionais poñerán en valor a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño e analizará e darán a coñecer a súa riqueza micolóxicaA Fundación TIC colabora cos organizadores e cubrirá o evento que terá un amplo seguimento mediático pola chegada de expertos de toda España, Portugal, Francia e Italia

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, acompañada do Presidente da Sociedade Micolóxica Lucus, Julián Alonso, presentou o VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico, que se desenvolverá entre os días 31 de outubro e 3 de novembro no lucense Hotel Torre de Núñez. Trátase dun evento de carácter científico, organizado por esta Sociedade, referente para afeccionados e expertos en micoloxía a nivel internacional, que se celebra por primeira vez na provincia. O evento achegará a Lugo a máis de 170 expertos procedentes de toda a xeografía española, así como de Portugal, Francia e Italia.

Sonsoles López Izquierdo destacou que a celebración deste encontro, que conta co financiamento da institución provincial, servirá para “poñer en valor a biodiversidade da Reserva da Biosfera Terras do Miño, analizando e dando a coñecer, en particular, a súa riqueza micolóxica”. A Deputada subliñou “o prestixio dos expertos participantes que tamén terán a oportunidade de coñecer a inmensa riqueza natural da nosa provincia”.

Julián Alonso, quen agradeceu a axuda da Deputación “que fai posible a celebración deste encontro”, destacou que a provincia de Lugo é perfecta para a celebración de citas coma esta, pola súa biodiversidade e unha climatoloxía moi favorable para a proliferación de especies.

Programa de actividades

A programación do VII Encontro Internacional de Micoloxía do Arco Atlántico para os días 31 de outubro e 1, 2 e 3 de novembro, desenvolverase no Hotel Torre de Núñez ubicado na capital da provincia. As actividades repartiranse entre as visitas de campo para recoller exemplares e as posteriores análises dos mesmos e conferencias por parte de reputados expertos como Patrice Lainé, Agustín Caballero ou Josep Piqueras. Tamén están programadas visitas pensadas para que os acompañantes coñezan lugares como A Mariña, A Ribeira Sacra ou o casco histórico da capital lucense.

O VII Encontro de Micoloxía do Arco Atlántico inclúe a celebración paralela do III Encontro do Grupo de Hongos Hipogeos e a Reunión de Outono do Grupo Iberoinsular de Cortinariólogos. Os fungos Hipogeos son exemplares subterráneos e os especialistas na súa recollida empregan cans adestrados. Na celebración desta cita achegaranse ata Lugo algúns dos mellores rastreadores internacionais. Os cortinariólogos son expertos no xénero Cortinarius un dos máis amplos e complexos do mundo dos fungos, o que da mostra do elevado nivel científico da reunión.

Colaboración da TIC

A Fundación TIC, dependente da Deputación, tamén presta a súa colaboración coa elaboración de diferente material audiovisual coas gravacións que realizarán bolseiros e alumnos da Escola de Imaxe e Son, e que logo serán distribuídos entre medios de comunicación nacionais e internacionais. A Fundación TIC colabora dende hai anos con esta Sociedade dando a coñecer as súas actividades de posta en valor da riqueza micolóxica lucense. Ó mesmo tempo, os alumnos da EIS da Fundación realizan estes traballos como prácticas profesionais mellorando a súa preparación para o mundo laboral.