Deputación de Lugo

A Deputación aproba 87 obras nos Concellos para mellorar as dotacións públicas e manter 260 empregos

Son actuacións do POS, dotado de 3 millóns, financiados nun 65% pola institución e nun 35% polos Concellos, e do Plan Complementario con 3,5 millóns do organismo provincial O Pleno acorda esixir a Feijóo que incremente o gasto social, que recortou en 4.000 millóns, e os investimento para emprego, que diminuíu en 200 millóns, no Orzamento, porque “Lugo non merece este trato da Xunta”Unanimidade, finalmente, nas alegacións da Deputación á proposta de modificación do trazado do Camiño Norte da Xunta, que recollen as demandas de 5 colectivos e do Concello de Friol

O Pleno aprobou este martes, cos votos a favor de todos os Deputados de PSdeG e BNG e a negativa de 11 do PP, debido á ausencia de Antonio Muíña durante a votación, 87 novas obras en todos os Concellos, agás no Saviñao, Pantón e Trabada que, de xeito voluntario, rexeitaron estas actuacións, para mellorar as dotacións públicas no rural, combatendo o despoboamento demográfico, e manter 260 empregos en Lugo.

A sesión acordou o Plan de Obras e Servizos, dotado de 2.998.863 euros. Desta cantidade, a Deputación inviste 1.948.889 euros e os Concellos achegan 1.049.973 euros. A institución luguesa incrementa a súa achega a esta programación, ata financiala nun 65%, tras os recortes do Goberno Central. Rajoy decidiu suprimir a presuposto estatal ó POS, sendo a primeira vez na historia que acontecía isto, xa o ano pasado. Ata entón, este plan financiábase nun 50% polo Executivo de España, nun 25% polas Deputacións e nun 25% polos Concellos. As entidades locais rexeitaron esta decisión, xa que as actuacións desta programación son, en moitos casos, as únicas que se executan nos municipios nunha mesma anualidade.

Neste senso, o Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, remarcou que, ante esta situación, e aínda que “ningunha a normativa obriga a financiar o POS”, a Deputación salva o Plan de Obras e Servizos na provincia un ano máis, aumentando a súa achega. “Os únicos que recortan en prestacións públicas son o Goberno Central e a Xunta de Galicia. Rajoy non ten cartos para o POS. Feijóo suprimiu o PEIM 2011 e 2012. Sen financiamento para obras, para servizos sociais e agora Sogama... O Goberno Central e a Xunta de Galicia afogan ós Concellos, son administracións parasitarias”.

66 obras e 200 empregos co POS

O POS contempla a execución de 66 obras, que contribuirán ó mantemento de 200 postos de emprego en Lugo e ó acondicionamento de servizos públicos no rural, combatendo a sangría demográfica. Estas actuacións levaranse a cabo en todos os municipios lugueses, agás no Saviñao, Pantón e Trabada, que rexeitaron sumarse a esta programación. Pantón e Trabada xa non quixeron sumarse a este plan o ano pasado.

Da totalidade de traballos, 64 son de caracter estritamente municipal e consistirán, principalmente, en melloras de accesos a pequenas localidades, pavimentacións de rúas, abastecementos de auga ou acondicionamentos de redes de sumidoiros e alumeados públicos. As restantes 2 obras son de competencia provincial. Trátanse do arranxo das estradas “As Nogais-Torés-Armesto” (Concello das Nogais e Becerreá) e “A Pobra de San Xiao a Carracedo” (Concello de Láncara).

Os criterios aplicados para o reparto dos fondos entre os municipios son os mesmos que se veñen empregando desde 2008, de xeito que todos os Concellos reciban un mínimo de 10.000 euros. Para fixar esta cantidade, valórase nun 40% a poboación de cada municipio, nun 20% a súa superficie, nun 25% os núcleos de poboación e o 15% restante corresponde á carga fiscal.

21 obras e 60 empregos co Plan Complementario

A negativa do Saviñao, Pantón e Trabada ó Plan de Obras e Servizos supón que os fondos provincias para estes municipios, que suman 45.308 euros, pasen a formar parte dun Plan Complementario de Obras. Con este presuposto, xunto ás rebaixas que se acaden nas adxudicacións coas ofertas das empresas que compitan pola contratación das obras do POS, a Deputación prevé financiar o Plan Complementario na súa totalidade, achegando 3. 542.646 euros. Esta programación contempla a execución doutros 21 traballos, que contribuirán ó mantemento de máis de 60 postos de emprego. 17 destas obras son de caracter municipal, afectando ós Concellos de Alfoz, Baleira, Barreiros, Becerreá, Cospeito, Chantada, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Lugo, Monforte de Lemos, Negueira de Muñiz, Palas de Rei, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, O Valadouro, Xermade e Abadín. As obras de responsabilidade provincial levaranse a cabo nas seguintes estradas: Moncelos a Carrizal (Abadín); de Souto de Torres a Sobrado (Castroverde); de San Cristobal-Adai-LU106 (O Corgo); e Santa Elulalia de Bóveda-Camiño do Burgo (Lugo).

“Lugo non merece este trato da Xunta”

O Pleno aprobou a moción do PSdeG en rexeitamento ó Orzamento da Xunta, cos votos a favor dos Deputados do Goberno Provincial e a negativa dos do Partido Popular. Con esta iniciativa, o organismo provincial esixe ó Executivo autonómico que incremente as partidas para políticas sociais, tras recortalas en 4.000 millóns de euros dende 2009, e as de fomento do emprego, logo de diminuílas en 200 millóns de euros nos últimos cinco anos. “Lugo non merece este trato da Xunta, cando temos case 26.000 veciños no paro e non contamos con Hemodinámica as 24 horas, Medicina Nuclear ou Radioterapia, servizos para os que tampouco hai partida orzamentaria algunha no Presuposto autonómico para o vindeiro ano”, remarcou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda.

Pilar García Porto destacou que o grupo ó que representa presentou no Parlamento 135 enmendas, detallando as cantidades que se deberían achegar a cada unha das áreas de actuación do Goberno galego, que foron rexeitadas na súa totalidade. A Deputada remarcou que “Feijóo renuncia ó emprego e ós servizos sociais, e prefire gastar máis no pago da débeda porque a duplicou en catro anos, ata situala nos 9.400 millóns de euros. Pero Feijóo agocha isto, e non inclúe no Presuposto a amortización por débeda, que ascende a 2.071 millóns de euros, un 427% más que no 2009, superando en once veces o gasto para emprego. Todo un orzamento para facer fronte á débeda da Xunta”.

Camiño Norte

Logo de absterse nas Comisións Informativas do Pleno, que sempre se celebran días antes da sesión e nelas participan representantes de todos os grupos políticos, tal e como establece o Regulamento da Deputación, o Partido Popular decidiu, finalmente, apoiar este martes as alegacións á modificación do actual trazado do Camiño Norte, ó longo da Etapa 31, que quere levar a cabo a Xunta de Galicia. O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, deu a benvida, e agradeceu ós populares o apoio a esta iniciativa, que recolle as demandas que o Concello de Friol e 5 colectivos –Asociación de Amigos da Etapa 31; Asociación de Veciños de San Breixo; Asociación de Veciños das Negrabas; e Asociación de Montenegro de Baamonde-, formularon ante a institución, presentando varios escritos. As alegacións, que se levaron a cabo dende o departamento que Santos Ramos dirixe e se enviarán á Xunta nos vindeiros días, baséanse en tres aspectos: rigor histórico na delimitación do Camiño Norte, impacto no tecido socioeconómico e consecuencias para os peregrinos.

A proposta de trazado da Xunta “desmonta” o estudo do 91 de recoñecidos historiadores, xa que apunta que a orixe deste Camiño é de comezos do século XVIII e principios do XIX, omitindo a influencia dos camiños medievais do século IX e do descubrimento da tumba do Apóstolo Santiago. Tampouco ten en conta o impacto económico, social e cultural que representaría para os cidadáns en xeral e, especialmente, para os 20 prestadores de servizos e comerciantes das zonas afectadas, condenando ós negocios, ós empregos ou ás iniciativas emprendedores postas en marcha na contorna do actual trazado. A alternativa da Xunta comprende treitos sen sinalización, que non aparecen nas guías e que pasan por zonas asolagadas, poñendo en risco ós peregrinos.

Sinistro mineiro

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, quixo rematar a sesión plenaria, trasladando as condolencias e o apoio da Corporación Provincial ós familiares das 6 vítimas mortais no sinistro acontecido na mina leonesa de Pola de Gordón. Gómez Besteiro fixo unha mención especial para Juan Carlos González, un dos falecidos, natural do Concello lugués das Nogais.