Deputación de Lugo

A Deputación apoia novamente ó comercio lucense na 4ª Feira Outlet, que ofrecerá descontos de ata o 80%

Regina Polín, Carmen Basadre e Nora Real presentaron a 4ª edición da feira que impulsa a actividade do comercio lucense en tempos complicados para o sector30 negocios da cidade porán á venda os seus stocks de zapatería, confección, complementos, mercería, xoiería, bisutería, óptica, droguería, pel ou decoración con descontos de ata o 80% A feira estará aberta dende o domingo 13 ata o martes 15 de outubro na praza Anxo Fernández Gómez, na mesma carpa onde estivo instalado días pasados o Artesanfroilán

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, acompañada pola Concelleira de Cultura, Turismo e Xuventude, Carmen Basadre, e a Presidenta da Asociación de Autónomas, Empresarias e Profesionais de Lugo, Nora Real, presentaron unha nova edición da Feira Outlet, que abrirá as súas portas na praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras o Consistorio lugués o día 13 de outubro. Trátase da xa tradicional cita que reúne a comerciantes da cidade para poñer á venda centos de variados produtos de stock ofrecendo importantes descontos.

Tal e coma subliñou Regina Polín, “é fundamental que dende as administracións se apoien iniciativas coma esta, que dun xeito moi rendible, posto que un ano máis reutilizaremos as instalacións preparadas para o Artesanfroilán, supoñen un forte impulso para a actividade de Pemes e autónomos”. A boa marcha das edicións anteriores, nas que os organizadores cifraron uns beneficios medios de 3.500 euros por comerciante, “supoñen un claro exemplo da importancia destas pequenas accións de apoio a un sector que, coma outros, tamén está atravesando momentos difíciles”, destacou a Deputada.

O peche de negocios non só na cidade, senón en toda a provincia de Lugo, é un feito, de aí que “dende a Deputación directamente e a través da Fundación TIC, sempre estemos dispostos a colabroar con esta ou con claquera outra iniciativa encamiñada a dar algo de aire ós emprendedores”

Pola súa banda, Carmen Basadre, destacou que a Feira Outlet “é unha boa oportunidade para as persoas que queiran mercar artigos de calidade a bon prezo” e insistiu no traballo que desenvolven dende a Asociación de Autónomas para dinamizar o comercio na cidade. A Presidenta das Autónomas lucenses aproveitou para agradecer a colaboración que prestan Deputación e Concello ás iniciativas que pón en marcha a asociación que ela preside.

Descontos de ata o 80%

30 comerciantes lucenses estarán presentes este ano na Feira Outlet nesta ocasión. Este porán á venda centos de variados produtos de sotck destacadas de marcas a prezos considerablemente reducidos.

Artigos de zapatería, téxtil, xoieiría, mercería, óptica, droguería, lencería, fogar, pel, complementos ou agasallos serán algunha das mercadorías que se poderán mercar con descontos dun 50% a un 80%.

Días e horarios de apertura

A Feira Outlet quedará aberta na carpa instalada na Praza de Anxo Fernández Gómez, situada tras a Casa do Concello lucense dende o domingo 13 ata o vindeiro día 15 de outubro, en horario ininterrompido de 12:00 a 21:00 horas o domingo, e de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas o luns e o martes.