Deputación de Lugo

Martínez: 'Feijóo debe explicar que fixo co millón de euros de cartos públicos a Sargadelos para manter emprego'

O voceiro socialista remarca que “Feijóo bota balóns fóra para ocultar a súa nefasta xestión, pero non pode eludir a súa responsabilidade como fai con Alimentos Lácteos, o seu proxecto estrela no investiu máis de 6 millóns de euros de cartos públicos”Martínez remarcou o “ataque do PP á Educación Pública, que, tras rectificar, prevé retirar axudas das becas Erasmus o vindeiro ano. A Deputación, sen competencias na materia, está a resolver 70 bolsas Leonardo da Vinci e ten fondos para novas becas no 2014”A Xunta de Goberno aproba a contratación de materiais para o arranxo de vías estritamente municipais dende o Parque Móbil, aforrando 165.000 euros ós Concellos

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, esixiu a Feijóo, “que vendeu a bombo e platillo a concesión de 1 millón de euros para Sargadelos para evitar despidos”, que explique á cidadanía que fixo “con este cartos públicos, cando a empresa está a negociar un ERE extintivo, que deixaría sen emprego a 89 persoas que traballan na fábrica de Cervo. A Xunta de Galicia debe render contas á cidadanía e detallar cal foi a súa xestión”, remarcou.

Martínez lembrou a reunión que, en novembro de 2010, mantiveron o Conselleiro de Economía e Industria, por aquel Javier Guerra; a Delegada Territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e o Alcalde de Cervo, Alfonso Villares, coa dirección da empresa. Neste encontro, o Goberno galego anunciou que concedería a Sargadelos 400.000 euros a fondo perdido e 600.000 euros a través dun préstamo participativo de XesGalicia. “Todo isto, para garantir os empregos. E, agora, tendo en conta a preocupante situación na que se atopan os traballadores de Sargadelos, todos nos preguntamos, ¿que se fixo con este investimento? , ¿cal foi a xestión da Xunta?, ¿que control houbo deste 1 millón de euros de cartos públicos, onde se gastaron?”.

Neste senso, o voceiro destacou que “ a Xunta ten que dar explicacións ós cidadáns. Non pode agorcharse agora, botando balóns fóra e culpando a outros. É parte responsable. Empregáronse cartos públicos para manter a actividade de Sargadelos e os 89 empregos directos que xera esta factoría en Cervo, dos que o 90% son mulleres que levan toda a vida traballando nesta empresa e que, no caso de ser despidas, a súa inserción laboral é complicada, debido a súa especialización”, salientou o voceiro.

“Feijóo non pode eludir a súa responsabilidade como fai con Alimentos Lácteos, o seu proxecto estrela no que se investiron máis de 6 millóns de euros de cartos públicos, que resultou un fracaso, co peche da factoría de Outeiro de Rei e o despido dos seus 80 traballadores, tras ceder a xestión da empresa a persoas afíns ó PP. Feijóo debe moitas explicacións ós cidadáns, que non quere dar para ocultar a súa nefasta xestión”, sentenciou.

“Ataque á Educación Pública”

Martínez remarcou o “claro ataque do PP á Educación Pública”, poñendo como exemplo a retirada das becas Erasmus que o Goberno Central ten previsto realizar o vindeiro ano, tras rectificar, “debido á presión social”, e non facelo neste mesmo curso, deixando sen axudas ós 1.468 estudantes galegos que, na actualidade, teñen unha. “En contraposición, a Deputación de Lugo, que non ten competencias en materia de educación, está a resolver 70 becas Leonardo da Vinci, e xa dispón de fondos para novas becas no 2014, sumando máis de 250 bolsas de emprego”.

Neste senso, subliñou que “o PP recortou o investimento en Educación en 400 millóns de euros, recortes que se traducen en menos mestres, menos investimento para novas tecnoloxías, menos bolsas de estudos, menos axudas para libros ou repago de comedores escolares. Feijóo fixo que 7.000 familias lucenses paguen este ano polo comedor escolar, para ingresar 3,6 millóns de euros, para facer caixa”,

Acordos da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou a ampliación do Plan de Promoción de Produtos Autóctonos para continuar ata finais de ano coa distribución dun total de 55.000 produtos autóctonos en establecementos lucenses. Trátase dunha iniciativa do programa Lug02, financiada con 200.000 euros de fondos europeos, mediante a cal a Deputación impulsa a comercialización de produtos da provincia, distribuíndoos, a custe cero, en hoteis e balnearios lucenses. É un proxecto complementario á plataforma de comercio electrónico, na que, tamén de xeito gratuíto, 157 profesionais lucenses teñen á venda preto de 500 produtos en Internet.

A sesión acordou a contratación de áridos para o arranxo de vías estritamente municipais dende o Parque Móbil, aforrando ós Concellos os 165.000 euros que custa este material. Ademais, tamén se aprobaron as contas xustificativas de 3 obras do Plan de Comunidade Veciñais, consistentes en melloras de servizos públicos de zonas rurais en Monforte de Lemos e Pedrafita do Cebreiro, dotadas de 29.500 euros da Deputación.