Deputación de Lugo

A Deputación impulsa o Camiño cunha mostra de 20 artistas que se inspiran no seu paso por Sarria

A Vicepresidenta Segunda e o Presidente da Asociación dos Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria presentaron este mércores a exposición Arte no CamiñoA mostra reúne un cento de traballos de 20 artistas da comarca que se apoian no CENTRAD para dar a coñecer as súas obras que se poderán ver ata o 31 de outubro

A Vicepresidenta Segunda da Deputación, Lara Méndez, e o Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria, Jorge López, presentaron este mércores unha exposición que mostra traballos de artistas da comarca sarriana. Son preto de 100 pezas de 20 artistas que empregan técnicas moi diversas como cerámica, escultura, talla de madeira, tear, cestería ou pedra, entre outros. Baixo o nome de “Arte no Camiño”, a mostra poderase visitar en horario de 10:00 horas da mañá a 20:30 horas da tarde no pavillón 4 do CENTRAD. Inaugurarase o luns ás 20:00 horas.

Lara Méndez insistiu na importancia da colaboración entre as asociacións e a Deputación para impulsar o Camiño como un revulsivo económico para toda a provincia, organizando iniciativas como esta mostra, que dá a coñecer o traballo de artesáns e artistas dunha comarca referencial na peregrinación cara a Santiago.

Jorge López agradeceu a colaboración da Deputación, e insistiu no valor dos traballos que recolle a mostra. Os seus autores son artistas, que se emprazan nas inmediacións do Camiño de Santiago ó seu paso pola comarca de Sarria, de idades comprendidas entre os 20 e os 90 anos e que destacan pola súa plasticidade e estética. O Presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago na Comarca de Sarria salientou a oportunidade que supón para moitos destes artistas exhibir as súas obras na capital lucense, coincidindo ademais coas festas do San Froilán.

Cabezudos, cestos e panos

Da diversidade de obras artísticas que se poden ver nesta mostra, deixaron constancia durante a presentación dúas artesás que achegan varias pezas á exposición. Lola Tourón fai esculturas con vimbios e cestas; e Cecilia Carballo é experta en tear. As artesáns agradeceron a oportunidade de expoñer nas instalacións da Deputación, ó tempo que aproveitaron para reivindicar o papel destes profesionais como transmisores de cultura fóra de criterios comerciais. Durante a presentación tamén se puideron ver uns cabezudos construídos por unha asociación artística de Sarria baixo a dirección de Verónica Quintela.