Deputación de Lugo

Foz acolleu unha masterclass de cociña autóctona da Deputación dedicada á pescada de pincho

Alfredo Llano participou na xornada, que acolleu o Restaurante Xoíña, onde 15 chefs prepararon un menú que destaca a calidade dos produtos do mar e de tempadaAs masterclass continuarán nas vindeiras semanas con novas citas dedicadas ó porco celta, en Sarria; á tenreira cachena, nas Nogais; e ó capón, en Vilalba

A Deputación organizou este mércores en Foz, a través do programa europeo Lug02, unha nova masterclass gratuíta de cociña autóctona en impulso dos produtos da zona. O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano García, participou na xornada que acolleu o restaurante Xoíña, onde, da man da chef local Montserrat García Lugilde, 15 cociñeiros prepararon un menú composto por pescada procedente da lonxa de Burela e cogomelos de tempada.

Os pratos preparados foron: un entrante de ameixas con setas e gambas, un primeiro prato de pescada rechea de carne de centolo, un segundo prato de medallón de tenreira con verduras, e unha torta de queixo de sobremesa.

A iniciativa enmárcase na aposta da Deputación polo medio ambiente, como oportunidade económica para a provincia. O organismo provincial difunde, a través das masterclass, as posibilidades económicas e de xeración de emprego, que supón a comercialización de produtos autóctonos de calidade.

A institución celebrou masterclass en Monforte de Lemos, Chantada, Cervantes, O Valadouro e Viveiro, dedicadas, en cada caso, a produtos propios da zona como legumes, verduras, algas, mariscos, pescados, derivados do porco, queixo, mel, ou castañas, entre outros. As vindeiras citas terán lugar nas Nogais, Sarria e Vilalba, e estarán dedicadas a produtos propios destas zonas, como son a carne de cachena, o porco celta ou o capón.

A Deputación potencia, ademais, os produtos autóctonos coas marcas de calidade LugoSabe que posúen 115 produtores lucenses que comercializan máis de 400 produtos, ou coa primeira plataforma de comercio electrónico da provincia, www.losprodutosdelugo.com, na que se venden mediante Internet 250 alimentos de calidade, como aceites, conservas, mel, marmeladas, pan, queixos, viños, licores, embutidos ou mariscos, entre outros.