Deputación de Lugo

Deputación e Federación de Asociacións Veciñais impulsan un ano máis a celebración do tradicional Día da Flor

Ducias de veciños participaron na 7ª edición desta importante cita da vida veciñal lucense celebrada na zona do río Rato, sendo agasallados con flores e plantas medicinais Os asistentes tamén degustaron pratos preparados con produtos cultivados nos preto de 320 hortos deste pioneiro proxecto posto en marcha hai sete anos pola Deputación de Lugo

A Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo, participou xunto con ducias de veciños da provincia nos actos do Día da Flor, que dende hai sete anos organizan a institución provincial lucense e a Federación de Asociacións Veciñais de Lugo. A zona do río Rato acolleu un ano máis esta celebración da vida veciñal, que supón o peche da tempada de primavera e verán das actividades veciñais nos hortos.

Os asistentes foron agasallados con flores e plantas mediciñais e aromáticas cedidas polos veciños que traballan os hortos situados na zona do río Rato e da Ponte Romai, ademais de ter a oportunidade de degustar os froitos do traballo nestes hortos, nunha ampla variedade de pratos, coma ensaladas ou hortalizas á brasa, nas que os protagonistas foron os pementos, leitugas, tomates, guisantes, patacas, calabacíns, allos, cebolas ou espinacas, xunto con outras máis exóticas cultivadas por veciños procedentes doutros países.

López Izquierdo, acompañada polo Presidente da Federación, Jesús Vázquez, destacou a importancia desta celebración para os lucenses e quixo salientar a importancia da colaboración das institucións co tecido asociativo, “fundamental para a promoción e posta en marcha de iniciativas que dinamizan o eido local”.

Sete anos de hortos urbanos

Estes hortos urbanos son un proxecto pioneiro da Deputación de Lugo posto en marcha hai sete anos, coa cesión de terreos na contorna do Rato e da Ponte Romai para que, de xeito totalmente gratuíto, os veciños que o desexaran puideran cultivar os seus propios produtos de horta. A través desta iniciativa, que contou cun grande éxito dende os seus comezos, tamén son numerosas as entidades sen ánimo de lucro que prestan servizos de carácter social e programan actividades en hortos concertados, algúns dos preto de 320 hortos existentes.

Dende os inicios do proxecto a Deputación tamén puxo a disposición dos usuarios, de xeito totalmente gratuíto, todas as facilidades, coma sistema de rego, aperos dispoñibles para aqueles que non contan cos seus propios e mesmo unha pequena biblioteca na que se poden consultar libros de xardinería ou de cultivos de hortalizas. Ademais, a iniciativa tamén recibe unha aportación económica destinada á compra de sementes, á contratación de monitores que prestan asesoramento e axuda ou á organización de cursos de formación sobre materias coma abonos ou técnicas de inxerto, que adoitan celebrarse no local da Federación de Asociacións Veciñais, con horarios adaptados ás necesidades dos seus usuarios. Esta programación formativa voltará proximamente.