Deputación de Lugo

Gómez Besteiro reunirase con Baltar Blanco para 'sumar esforzos' coa declaración da Ribeira Sacra

Imaxe deputación de lugo
Logo das conversas que xa mantiveron, a semana próxima, o Presidente da Deputación de Lugo manterá un encontro co seu homólogo en Ourense, no que Gómez Besteiro presentará a Baltar Blanco a moción que levou ó Pleno, e que foi aprobada por unanimidadeO organismo provincial enviará a moción a todos os Concellos da Ribeira Sacra luguesa e ós colectivos da zona “para seguir sumando adhesións e apoios”O texto, que contou co respaldo de todos os membros da Corporación Provincial, implica a 21 Concellos -13 de Lugo e 8 de Ourense-, así como á Xunta de Galicia e ó Goberno Central

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reunirase a vindeira semana co Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar Blanco, para “sumar esforzos” coa declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade. Este encontro terá lugar logo das conversas telefónicas entre ambos os dous mandatarios provinciais, nas que xa abordaron este asunto. Gómez Besteiro presentará a Baltar Blanco a moción que presentou ó Pleno Provincial lugués, aprobada por unanimidade na sesión deste martes.

“Dende hoxe mesmo, enviaremos esta moción a todos os Concellos da Ribeira Sacra luguesa e ós colectivos deste lugar irrepetible, para seguir sumando adhesións e apoios”, adiantou o Presidente lugués.

Gómez Besteiro fixo un “chamamento á unidade” en torno á declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, e subliñou que “non será un camiño doado, pero se o conseguimos, será un éxito colectivo para o presente e o futuro da provincia e de Galicia”.

Precisamente, a moción que Gómez Besteiro levou ó Pleno incide na necesidade de traballar conxuntamente con outras administracións e entidades para presentar unha candidatura forte, que inclúa o maior número de Concellos, e que busque un beneficio común. O texto aprobado implica a 21 Concellos, 13 de Lugo e 8 de Ourense. A Pobra de Brollón, Portomarín, Taboada, Chantada, Carballedo, O Saviñao, Pantón, Sober, Monforte de Lemos, Ribas de Sil, Quiroga, Paradela e Bóveda, na provincia lucense; e A Peroxa, Nogueira de Ramuín, Parada de Sil, A Teixeira, Castro Caldelas, Xunqueira de Espadañedo, Esgos e Montederramo, en Ourense.

Acordos da moción

O moción, que contou co respaldo de todos os grupos políticos con representación na Corporación Provincial, conleva os seguintes acordos:

1.- Impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade.

2.- Dirixirse ó Goberno Autonómico para poñer en marcha o procedemento correspondente para a formalización de dita candidatura, e requirir a súa necesaria colaboración.

3.- Instar ó Goberno de España para que, elaborada a candidatura, promova dita declaración diante do Comité do Patrimonio da Humanidade da UNESCO.

4.- Remitir ós Concellos da provincia que forman parte do territorio obxecto da declaración e á Deputación de Ourense estea cordo para sumar esforzos nesa dirección.

Un ano e medio de traballo

Impulsar a candidatura da Ribeira para ser declarada Patrimonio da Humanidade foi un dos compromisos asumidos polo Presidente lugués, no seu discurso de investidura. Dende hai un ano e medio, a Deputación está traballando neste senso. Mantivo varios encontros cos promotores da candidatura da Torre de Hércules co fin de asesorarse sobre as xestións necesarias e conseguir o mesmo resultado exitoso. Da mesma forma, co obxectivo de acadar o financiamento necesario para esta e outras iniciativas, este ano o organismo lugués concorreu ás axudas da Fundación Biodiversidad co fin de poñer en marcha un proxecto experimental de desenvolvemento rural da zona. Na actualidade, a institución agarda pola resolución destas axudas.

A Deputación mantivo, ademais, reunións con importantes asociacións e entidades da Ribeira Sacra, das que recibiu o seu apoio. É o caso da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo (APEHL), Asociación Española de Pequenas e Medianas Cidades Vitivinícolas (ACEVIN), do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra (CRDORS), da Fundación Belarmino Fernández, do IBADER o u o Consorcio Turístico Ribeira Sacra, entre outros.