Deputación de Lugo

A Deputación pide ós Concellos que se pronuncien sobre a Reforma Local de Rajoy

Gómez Besteiro presidiu o Consello de Cooperación cos Concellos no que insistiu en que a Reforma Local é “o maior ataque que sufriu nunca o mundo municipal e deixa sen resolver os problemas reais dos concellos”O presidente pediulle ós Alcaldes que analicen detalladamente os servizos ós que terán que delegar se a lei entra en vigor para poder planificar o papel da DeputaciónA Deputación deu conta ó Consello do aforro que suman os municipios grazas ós servizos públicos que lle ofrece

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro pide ós Alcaldes que se pronuncien sobre a Reforma Local que foi aprobada onte polo pleno do Congreso. Gómez Besteiro presidiu este venres a reunión do Consello de Cooperación cos Concellos á que asistiron os Alcaldes representantes dos partidos políticos, ademais de Deputados provinciais e todos os grupos políticos. A eles advertiulles Besteiro: “A Lei de reforma da Administración Local aprobada polo Goberno de Rajoy supón o maior ataque que sufriu nunca o mundo municipal”. O Presidente insistiu en que limítase a quitarlles competencias e deixa sen resolver os verdadeiros problemas que ten a Administración Local. “Non clarifica competencias, non evita duplicidades, non simplifica a estrutura da administración local, nin resolve os problemas do financiamento que teñen os Concellos”, sentenciou.

Gómez Besteiro pediulles ós asistentes exhaustiva análise das repercusións da lei na súa xestión local, xa que a reforma “despoxa ás entidades locais de competencias en servizos públicos básicos” como os servizos sociais, a recollida de lixo, o abastecemento e auga potable, a limpeza viaria, a pavimentación das vías ou o tratamento de residuos, para atribuírllas ás Deputacións. O Consello decidiu dirixirse ós Concellos para que estes lle transmitan información concreta sobre as súas necesidades e os servizos que prestan para establecer as repercusións reais da implantación da lei en toda a provincia.

Unidade pola Ribeira Sacra

Na mesma xuntanza Gómez Besteiro solicitou unidade ós alcaldes para formar unha candidatura forte e conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. O Presidente recordou que nos vindeiros días os 21 Concellos e outras administracións implicadas,- Xunta e Ministerio de Cultura- recibirán o convenio propulsado polas Deputación de Ourense e Lugo para fixar as vías de colaboración.

O Presidente da Deputación deu conta do estado doutras colaboracións da Deputación cos Concellos. Así explicou a situación de servizos en Novas Tecnoloxías como a dotación de conexións gratuítas e libres a internet nas prazas dos Concellos, que supón un aforro de 35.000 euros a cada municipio; o plan Satelíz@te, cun investimento de 385.000 euros, dotará de internet de calidade a preto de 450 familias lucenses que viven en zonas sen cobertura; a Deputación ademais xestiona un servizo de Atención ó Usuario para os concellos, do que desfrutan 51 administracións locais e 35 portais web de concellos, ademais das 177 actividades dirixidas ó público en xeral e que levaron a cabo os dinamizadores en novas tecnoloxías nos concellos da provincia.

A Deputación promove a cooperación e a dotación de servizos como medida de aforro para as arcas municipais, deste xeito os 46 Concellos adheridos ó Club dos Renovables aforrarán grazas ó programa de eficiencia enerxética, a custe cero para eles, unha media de 40.000 euros cada ano na súa factura eléctrica.

A contratación conxunta é outra das medidas implantadas pola Deputación que permite un importante aforro ás arcas municipais. Neste senso, o Consello solicitará datos concretos ós Concellos para analizar novos ámbitos de aplicación.