O exitoso curso de adestramento de cans Border Collie para labores de pastoreo celebra en Cospeito unha nova edición
A Deputación de Lugo convoca unha nova edición do curso de Adestramento de cans Border Collie de pastoreo, que se celebrará esta fin de semana en Cospeito. A gran demanda e éxito que acadaron as edicións anteriores, nas que levan participado máis de 100 gandeiros chegados dende toda Galicia, así coma doutras comunidades, que acudiron cos seus cans para recibir formación específica en pastoreo.
A raza Border Collie está especialmente indicada para o pastoreo de gando, polas súas peculiares aptitudes xenéticas, que facilitan enormemente o traballo dos gandeiros, permitindo que un pastor acompañado dun só can poida dirixir rabaños de ata 700 animais. Na provincia de Lugo, aproximadamente un 25% dos gandeiros conta con cans desta raza para labores específicas de condución do gando.
Novamente serán dúas convocatorias, os días 12 e 13 de outubro, abertas para 10 participantes en cada unha das sesións. Estas desenvolveranse en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 13:30 e de 15:00 a 19:00 horas, e nelas predominarán os contidos prácticos. Proxectaranse vídeos explicativos das diferentes técnicas empregadas polos expertos para pastorear con esta raza de cans segundo as características o terreo, dos animais do rabaño ou ben do propio can, dos que os participantes obterán copias para facilitar os coñecementos recibidos.
O encargado de impartir este curso será novamente o experto navarro Alejandro Ibarra Artus, e os interesados en participar aínda poden facerse con algunha das prazas que restan por cubrir. Para inscricións e máis información poden contactar no teléfono 660 541 534 ou en victordagrelo@hotmail.com