Deputación de Lugo

A Deputación colabora con Proxecto Home na inserción laboral de persoas en risco de exclusión

A Xunta de Goberno aprobou o convenio con este colectivo social sen ánimo de lucro, que atende a 100 lucenses, para incrementar a súa oferta formativa na Granxa Gayoso Castro A institución reforza o mantemento de 1.000 quilómetros de vías en 16 Concellos con 676.600 euros, completando os traballos de conservación en toda a rede viaria provincialA Deputación dinamizará a economía e xerará emprego na Montaña coa posta en marcha dunha rede de Centro de Interpretación na Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses

A Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio de colaboración coa Fundación Centro Galego de Solidaridade Proxecto Home para o desenvolvemento dun programa de inserción laboral dirixido a persoas en risco de exclusión social. Este colectivo sen ánimo de lucro e declarado de interese galego atende na actualidade a máis dun cento de lucenses, ós que lles ofrece actividades formativas para que atopen traballo, por exemplo, iniciativas vinculadas á gandeiría. Con este convenio, a Deputación cederá a Proxecto Home as instalacións da Granxa Gayoso Castro para o desenvolvemento de novas actividades formativas. Ademais, achegará tenreiros frisóns para incorporalos ó cebadeiro que este colectivo social puxo en marcha en Bergondo, dando emprego a 5 persoas, co obxectivo de contribuír ó mantemento desta iniciativa e á súa ampliación para dar traballo a máis xente.

Por outra banda, a sesión aprobou as obras de conservación da rede viaria provincial na zonas 2 e 6, que comprende 16 Concellos lugueses, polos que discorren 1.000 quilómetros. O orzamento para estes traballos é de 676.600 euros. Concretamente, na conservación da zona 2, con 618 quilómetros de vías provinciais polos municipios do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, Riotorto, A Pastoriza e A Pontenova, a institución inviste 341.000 euros. Encargaranse destes traballos 24 operarios e 10 vehículos. Na zona 6, para a conservación dos 334 quilómetros de vías provinciais en Becerreá, Cervantes, As Nogais e Pedrafita do Cebreiro, achéganse 335.600 euros. Mobilízanse á zona 8 operarios e 8 máquinas.

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que este presuposto engádese os 2 millóns de euros que o organismo provincial inviste nas tarefas de mantemento das estradas provinciais dos restantes 51 Concellos lugueses. “En total, reforzamos a conservación da rede viaria provincial máis extensa de España con case 2,7 millóns de euros. Facemos un importante esforzo inversor para o mantemento de 4.200 quilómetros mentres Feijóo mantén bloqueado, dende 2009, o proceso de transferencia de estradas. Todo isto, cando a Xunta conta cun orzamento 100 veces maior ó da Deputación de Lugo e con 5.500 quilómetros de vías baixo a súa responsabilidade. Unha mostra máis de que Feijóo castiga a esta provincia e discrimina ós lucenses”, remarcou.

Centro de Interpretación

Becerreá contará cun Centro de Interpretación que porá en valor os recursos naturais da Reserva da Biosfera os Ancares Lucense para o impulso da economía lucense e a xeración de emprego, combatendo o despoboamento demográfico. A Xunta de Goberno aprobou o convenio con este Concello para a posta en marcha desta iniciativa, que se situará nas instalacións do Consistorio. Trátase dun proxecto enmarcado no Lug02, dotado de 45.500 euros, cofinanciados nun 80% por fondos europeos. Martínez salientou que con esta dotación “dá resposta a unha das solucións que plantexaron os expertos do Lugo Reacciona para loitar contra a sangría demografíca: potenciar o turismo. Con este centro promocionaremos a riqueza da zona, dando conta de todas as posibilidades naturais, turísticas, gastronómicas, etnográficas ou patrimoniais. Crearemos emprego, xa que nestas instalacións haberá novo persoal para atender ós visitantes. Ademais, impulsaremos os negocios da zona, mantendo postos de traballo e incrementando os seus beneficios. En definitiva, é unha iniciativa medioambiental encamiñada a potenciar a economía lucense”.

Xunto ó de Becerreá, a Deputación abrirá na Reserva dos Ancares Lucenses outros dous Centros de Interpretación en Navia de Suarna e Cervantes. “Poremos en marcha unha rede de centros para impulsar a economía e o emprego da Montaña luguesa, combatendo, deste xeito, o despoboamento que sufre esta zona, a máis perxudicada na provincia logo de anos de discriminación da dereita, que privou ós veciños de prestacións públicas”, subliñou.

Sobre outros acordos, a Xunta de Goberno aprobou as contas xustificativas de 5 obras do Plan de Comunidades Veciñais, executadas en núcleos rurais de Monterroso, Taboada, Monforte e Alfoz, por valor de 42.400 euros, financiados na súa totalidade pola Deputación.