Deputación de Lugo

A Deputación mantén 200 empregos na Zona Sur coa creación de 4 novas rutas gastronómicas

As empresas que acadaron as marcas de calidade Lug02 e LugoSabe do organismo provincial participan de xeito gratuíto nesta iniciativa financiada con fondos europeosAs rutas percorren os municipios de Sober, Pantón, Quiroga, Ribas de Sil, Pobra de Brollón, Monforte de Lemos, Chantada, Taboada e O Saviñao destacando aspectos medioambientais de cada zonaEn toda a provincia, a Deputación pon en marcha 13 roteiros, impulsando un total de 211 establecementos e mantendo 1.100 empregos co programa medioambiental Lug02

A Deputación mantén 200 postos de traballo de 67 empresas da Zona Sur coa creación de 4 novas rutas gastronómicas. Son os establecementos que acadaron as marcas de calidade Lug02 e LugoSabe e que participan de xeito gratuíto na iniciativa do organismo provincial. O programa, financiado con fondos europeos, involucra ás empresas ó paso da ruta, impulsando o emprego nestes municipios a través dos recursos naturais de cada zona.

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, deu conta desta iniciativa ós empresarios da Zona Sur durante unha reunión en Monforte na que se presentaron as rutas dedicadas ó viño e a paisaxe da Ribeira Sacra. López Izquierdo insistiu en que os percorridos destacan os valores medio ambientais e naturais da Zona Sur da provincia, recursos que supoñen unha importante oportunidade económica para os negocios da zona, impulsando a súa actividade, xerando emprego e fixando poboación neste territorio. Deste xeito, as rutas percorren lugares de interese, destacando en cada caso aspectos do patrimonio natural e gastronómico. Propoñen a visita a empresas produtoras, con degustación de produtos nalgúns casos; a realización de actividades de aventura; a estancia en hoteis ou comidas en restaurantes, entre outras alternativas.

Na Zona Sur as rutas son as seguintes:

- “O Mel e os seus beneficios”, é unha ruta gastronómica ó redor dun dos produtos autóctonos máis importantes da comarca. Percorre os municipios de Quiroga, Pobra de Brollón e Ribas de Sil involucrando a 6 establecementos hostaleiros, 4 restaurantes e 3 empresas produtoras, entre as que tamén se atopan adegas de viño. A ruta propón, ademais, dar un paseo polo río Sil e visitar os museos etnográfico e xeolóxico de Quiroga.

- “Quiroga e o seu legado artesanal”, involucra no seu percorrido a 6 establecementos hostaleiros, 4 restaurantes e 3 empresas produtoras e propón actividades de aventura como rutas de sendeirismo, parapente ou descenso polos Canóns do Sil. Son en total 9 empresas que dan traballo directo a 22 persoas na zona.

- “ Recorrendo a pé a Ribeira Sacra”, pasa polos municipios do Saviñao, Chantada e Taboada, involucrando a 8 aloxamentos, 8 restaurantes e 9 adegas. A ruta propón a visita a lugares de interese como a Igrexa de santo Estevo de Ribas de Miño ou o Ecomuseo de Arxeriz. En total son 21 empresas con 70 traballadores involucrados.

-“Recuperando as variedades autóctonas de uva nos bancais do Sil”, involucra a 37 empresas con 210 traballadores ó seu paso por Monforte de Lemos, Sober e Pantón. Propón comer en 18 restaurantes da zona, aloxamento en 14 establecementos e a visita a 5 adegas ademais de numerosas ofertas de ocio que van dende rutas en catamarán ou museos de arte sacro e monumentos arquitectónicos, entre outros.

13 rutas na provincia

En toda a provincia, son 13 os roteiros creados pola Deputación que destacan, en cada caso, os produtos autóctonos propios de cada zona e a súa riqueza natural e patrimonial. Deste xeito, a iniciativa destaca alimentos como a faba de Lourenzá, o porco celta, ou o queixo da Montaña e da Ulloa, entre outros. Os percorridos están deseñados para impulsar o comercio local a través dos valores naturais e culturais de cada zona. A iniciativa involucra a 211 empresas con 1.100 postos de traballo que a Deputación contribúe a manter. Nestes días os responsables da iniciativa están a realizar xuntanzas para explicarlles ás PEMES e autónomos participantes as posibilidades de colaboración. No mes de decembro celebraranse dúas reunións en Monforte e Chantada para falar coas empresas involucradas nas rutas da Ribeira Sacra.