Deputación de Lugo

Martínez: 'Os 2 anos de goberno de Rajoy tradúcense en máis paro e máis pobreza na provincia'

Imaxe deputación de lugo
“A Reforma Laboral de Rajoy fixo que o número de desempregados en Lugo aumentase en 2.351 persoas nos dous últimos anos. Preto do 20% dos fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes” subliñou o voceiro socialistaII Mercado de Nadal, Merca o Teu: a institución abre hoxe o prazo de solicitude para que produtores autóctonos e artesáns lucenses participen nesta iniciativaAprobado o proceso de selección de 58 becas Leonardo da Vinci. A partir do luns, os beneficiados teñen un prazo de 5 días para entregar a documentación correspondente

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, fixo este venres un balance dos 2 anos do Goberno de Rajoy, destacando que se “tradúcense en máis paro e máis pobreza na provincia”. Martínez subliñou que “a Reforma Laboral de Rajoy fixo que o número de desempregados en Lugo aumentase en 2.351 persoas en dous anos. Preto do 20% dos fogares teñen dificultades para chegar a fin de mes. Son datos oficiais e públicos”.

“Máis paro, salarios máis baixos, menos dereitos e máis impostos. Vivimos con menos e pagamos máis”, remarcou o Deputado, indicando que os lucenses pagaron case 12 millóns de euros neste dous anos polo repago de menciñas.

“Os xubilados lucenses, que por primeira vez na historia vense na obriga de pagar os seus medicamentos e reciben unha pensión media de 600 euros, sendo das máis baixas en España, teñen aínda menos poder adquisitivo. Ó feito de non actualizar as súas pensións en relación ó IPC, supuxo que Rajoy as recortase en 800 euros ó ano. É dicir, os 120.000 xubilados lucenses perderon nestes dous anos 96 millóns de euros”.

Sobre “o desmantelamento da Educación Pública”, o voceiro indicou que os recortes de Rajoy supuxeron “menos profesores, menos becas, menos unidades educativas, repago de comedores…”. Ó respecto dos recortes en infraestruturas, Martínez indicou que “paralizou a posta en marcha das autovías a Santiago e a Ourense, non fixo nin un só quilómetro do AVE, recortou o servizo de ferrocarrís...”

II Mercado de Nadal

Logo do éxito do primeiro Mercado de Nadal, que estreou a institución o ano pasado e no que participaron 20 artesáns e produtores lucenses que, no seu conxunto, acadaron beneficios de 25.000 euros, a Xunta de Goberno acordou a reedición desta iniciativa. Martínez avanzou que “hoxe aprobamos esta nova convocatoria, así como as bases para a selección de participantes, ó tempo que abrimos, dende xa, o prazo de presentación de solicitudes. Os artesáns e produtores autóctonos de Lugo, ós que vai dirixida esta iniciativa, teñen toda a información no taboleiro de anuncios da Deputación e na web www.deputacionlugo.org. Dende hoxe mesmo, poden formular a súa inscrición para participar no II Mercado de Nadal, Merca o Teu”.

Becas Leonardo da Vinci

A sesión aprobou o proceso de resolución de 58 bolsas de emprego para mozos lucenses desempregos con titulacións universitarias e de Formación Profesional co obxectivo de mellorar a súa formación en prestixiosas empresas europeas para, posteriormente, contribuír á súa inserción laboral en España. “É unha viaxe de ida con volta”. O luns, publicarase a listaxe de beneficiados na páxina web da Deputación e no taboleiro de anuncios da institución, abrindo un prazo de 5 días naturais para que os mozos presenten a documentación corresponde e iniciar a selección das empresas onde se formarán durante 3 meses. Serán entidades de Hamburgo, Viena, Florencia, Lisboa, Praga, Belfast, Cork, Irlanda, Módena e Lisboa. Estarán especializadas nos sectores de medioambiente, agroalimentación, gandeiría, pesca, informática, turismo, ciencias da vida e audiovisuais que son, precisamente, as titulacións dos mozos beneficiados. A Deputación, ademais de xestionar os lugares de formación, tamén asume os gastos de aloxamento e das viaxes con 309.000 euros de fondos europeos, supoñendo un custe cero para os rapaces.

“As becas Leonardo da Vinci son unha das 10 liñas de creación de emprego da Deputación na provincia. Ofrecemos xa 128, 70 o ano pasado e 58 este anos. Para o 2014, contamos con outras 50. Polo tanto, sumamos, polo de agora, 178 becas Leonardo da Vinci para mozos lucenses desempregados”, destacou o voceiro.

Outros acordos

A Xunta aprobou a desestimación da solicitude sobre a revisión dunha finca expropiada para as obras de mellora na estrada San Cristobal-Adaia-LU-106, no Concello do Corgo, tendo en conta “a vindeira execución destes traballos, unha vez que as dispoñibilidades orzamentarias no lo permitan, de feito xa as incluímos no Plan Complementario do POS 2013 cun presuposto 1,3 millóns de euros; para as que xa expropiamos 100 fincas, investindo case 400.000 euros; e para as que estamos redactando un proxectos conxunto, que o PP deixou desglosado, sen terreos e sen cartos”, explicou Martínez.