A Deputación ofrece formación gratuíta en xestión e protección de datos ós Concellos da Zona Sur
A Deputación organizou este mércores en Monforte unha xornada dirixida o persoal da administración local dos Concellos da Zona Sur adheridos ó Innova-TE. Os asistentes trataron aspectos relacionados co tratamento de datos no ámbito das redes sociais e internet, a normativa de videovixilancia, a xestión de contrasinais ou a navegación segura pola rede, recoñecendo e evitando as ameazas máis frecuentes. Deste xeito, a Deputación contribúe a que as Administracións Locais se adapten ó Esquema Nacional de Seguridade nas Administracións Públicas que entra en vigor en xaneiro do 2014.
Os representantes dos Concellos recibiron os resultados das auditorías técnicas previas que a institución provincial levou a cabo nos municipios adheridos ó Innova-TE. A formación recibida hoxe polos traballadores conformouse a partir dos resultados obtidos. Na Zona Sur están inscritos os Concellos de Carballedo, Chantada, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Monterroso, O Páramo, Palas de Rei, Paradela, Pobra de Brollón, Portomarín, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, Sarria, Sober, Taboada, e Triacastela.
As auditorías técnicas realizáronse co obxectivo de detectar posibles deficiencias en materia de seguridade informática, que puideran poñer en risco a confidencialidade de datos persoais. Cos datos recabados conformáronse manuais de boas prácticas que tamén foron entregados hoxe, contribuíndo ó estrito cumprimento da Lei Orgánica de Protección de Datos.
Esta iniciativa ten un custe estimado de 54.000 euros, cartos que o organismo lugués aforra a estes 18 Concellos. De feito, en toda a provincia son 48 os municipios adheridos ó Innova-TE, cofinanciado ó 80% con fondos europeos, o que supón un aforro total de 144.000 euros ás arcas municipais dentro desta iniciativa.
Os Concellos da Zona Centro da provincia recibirán os seus resultados o vindeiro mércores, 11 de decembro, nunha reunión que se celebrará na capital lucense.