Deputación de Lugo

200 rapaces participarán nas actividades gratuítas do Centro de Interpretación Terras do Miño para este Nadal

Sonsoles López Izquierdo presentou hoxe as actividades do Centro de Interpretación Terras do Miño para o Nadal que se celebrarán entre o 23 e o 30 deste mes en Lugo, Vilalba e SarriaSon un total de 8 contacontos con obradoiros e espectáculos musicais para cativos a partir de 6 anos. Aberto o prazo de inscrición en contacontosdonacivro@gmail.comTodos os participantes coñecerán a historia de Don Acivro e Xana nas Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares Lucenses e recibirán un libro de recordo

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, presentou hoxe as actividades que organiza o Centro de Interpretación Terras do Miño para o Nadal. No acto tamén estivo presente o autor do libro Don Acivro salva o Nadal, conto en torno ó que xiran os obradoiros e espectáculos musicais que se celebrarán entre os días 23 e 30 de decembro en Lugo, Sarria e Vilalba. 200 pequenos poderán coñecer este Nadal a historia de Don Acivro e Xana na Reserva da Biosfera Terras do Miño e na Reserva dos Ancares Lucenses Montes de Navia, Cervantes e Becerreá da man da Deputación.

López Izquierdo insistiu na importancia de inculcarlle ós cativos o aprecio polo medio natural do mesmo xeito que se transmiten outros valores propios destas datas e salientou que a mellor maneira de facelo é a través dun conto que relaciona a unha cativa, ó Nadal e ás Reservas da Biosfera da provincia. Deste xeito, destacou a Deputada, “poñemos en valor o medio natural lucense e o damos a coñecer ós máis cativos, que serán os responsables da súa conservación, dun xeito divertido, con música e debuxos”.

Xosé Antonio Perozo, autor do conto explicou que as personaxes da historia, un esquío e un acivro máxico permitirán os participantes xogar co conto e crear novas tramas á redor da Reserva da Biosfera. A actriz María Lado, LLerena Perozo e o músico Miguel Seoane serán os encargados de amosarlle ós rapaces como facelo.

As actividades a desenvolver son as seguintes:

- En Lugo, celebraranse dúas sesións: unha o 23 de decembro e outra o 30 de dito mes. As actividades comezarán ás 11:30 horas da mañá cun contacontos con taller no Centro de Interpretación Terras do Miño. Xa pola tarde, o salón de Actos do Pazo de San Marcos acollerá un espectáculo musical a partires das 19:00 horas.
- En Vilalba, o contacontos e o espectáculo musical celebraranse o 26 de decembro no Centro Cultural e Recreativo, tamén ás 11:30 e 19:00 horas, respectivamente.
- En Sarria, as actividades celebraranse o 28 de decembro, na Casa da Cultura cos mesmos horarios.

Os contacontos con obradoiros están dirixidos a cativos a partir de 6 anos, cun máximo de 25 rapaces por actividade, que terán que inscribirse antes do 20 de decembro en contacontosdonacivro@gmail.com. Os espectáculos musicais son para toda a familia ata completar o aforo dos locais. Todos os participantes nestas actividades levarán un libro coa historia de Xana e Don Acivro de recordo que serán posteriormente repartidos nos colexios da provincia para que todos os escolares coñezan este conto.