Deputación de Lugo

O PP non só destrúe emprego, quere prohibirlle á Deputación de Lugo que o cree

Imaxe deputación de lugo
“O que nos gustaría ver hoxe no Parlamento é como o Partido Popular lle pedía máis fondos á Xunta para crear emprego na provincia, e non o que fixeron: vetar a creación de postos de traballo”, subliña o voceiro socialista do Goberno provincial“O maior esforzo que fan os alcaldes do PP nos últimos anos é para boicotear un plan de inserción laboral”, asegura Manuel MartínezBalseiro demostra o seu “cinismo”, pois vai ó Parlamento “dar leccións sobre emprego, cando no Concello de Cervo, onde é o primeiro tenente de alcalde, se nega a impulsar un plan de 300.000 euros para dar traballo ós seus veciños no paro” A de Lugo é a Deputación galega que máis inviste neste eido, con case 13 millóns de euros no 2014, o triplo que a Xunta na provincia

A iniciativa presentada estes mércores polo Partido Popular no Parlamento de Galicia en contra do plan de emprego impulsado pola institución provincial lucense para Concellos de menos de 5.000 habitantes demostra que o PP, “non só destrúe emprego, quere prohibirlle á Deputación de Lugo que o cree”. “O que nos gustaría ver hoxe no Parlamento é como o Partido Popular lle pedía á Xunta máis fondos para crear emprego na provincia de Lugo, e non o que fixeron: vetar a creación de postos de traballo”, subliñou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez. “Soamente a dereita é capaz de censurar a creación de emprego cando medra o paro”, incidiu o Deputado, quen lembrou que Feijóo “xa ten o récord de parados. En Lugo, 7.000 persoas quedaron sen traballo dende que el goberna; 114.400 en toda Galicia, e o desemprego medra por riba da media do Estado”.

Para a Deputación, “é indignante que unha forza política e os seus alcaldes, que como tal, deberían esforzarse ó máximo por resolver os problemas dos seus veciños, dediquen os maiores esforzos dos últimos anos a precisamente todo o contrario: nin sequera queren falar de creación de emprego, e dedícase a crear problemas e a torpedear as solucións que poñemos enriba da mesa outras administracións”. “Galicia en paro, máis da metade das familias galegas con dificultades para chegar a fin de mes, e o PP parando a creación de novos postos de traballo: esa é a catadura moral e política do PP”, engadiu.

O “cinismo” de Balseiro

O Deputado subliñou que hoxe volveu quedar en evidencia “o cinismo e dobre moral” do secretario provincial do PP de Lugo, Xosé Manuel Balseiro, pois “vai ó Parlamento dar leccións sobre emprego, cando no Concello de Cervo, onde é o primeiro tenente de alcalde e voceiro do Goberno local, se nega a impulsar un plan de 300.000 euros para dar traballo ós seus veciños no paro, unha idea que lle propuxemos os socialistas e que rexeita. E iso que lle poñiamos as cousas fáciles, e lle indicabamos de onde podía sacar os cartos. Con que autoridade fala o señor Balseiro, se nin sequera fai no seu Concello o que lle pide ós outros?”

Manuel Martínez incidiu no “deixamento” dos Gobernos da dereita neste ámbito lembrando que Rajoy “xa renunciou a crear emprego cando nin sequera chegara á metade da lexislatura, e Feijóo declarouse incompetente en emprego; de feito, xa recortou á metade os fondos para estas políticas”. En Lugo, a situación é a mesma, asegurou o voceiro socialista, pois “o PP presume de liderar os investimentos en emprego con 4 millóns de euros, cando a Deputación, con 100 veces menos orzamento e sen ter as competencias, triplica este investimento o vindeiro ano destinando case 13 millóns de euros a plans de emprego”.

“Nin fai, nin deixa facer”

Pero, “aínda por riba de non facer absolutamente nada, o Partido Popular dedícase a torpedear as solucións da Deputación de Lugo, que non temos as competencias; tenas Feijóo, aínda que renuncie a elas”, argumentou Martínez, afirmando que o PP “nin fai, nin deixa facer. Son como el perro del hortelano: Facemos plans de emprego? Opóñense; facemos residencias e centros de día públicos? Opóñense; facemos o 1º centro público de recría de gando de España? Opóñense; facemos o Plan de Obras e Servizos? Opóñense”.

Os argumentos que utilizan os populares son ademais “burdas escusas”, sinalou o Deputado, pois “xa levaron ós tribunais o Plan Lugo Emprega, que era para todos os concellos da provincia, e tamén se opuxeron”. “Na Deputación aínda estamos esperando desculpas públicas porque a xustiza deunos a razón, como nola deu no caso dos Orzamentos de 2013, que recorreron; e no caso da multinacional Gazeley. Van de fracaso en fracaso”, destacou.

Unha campaña partidista “que custa cartos ós veciños”

Para a Deputación, a proposición do PP no Parlamento é tamén unha mostra máis da campaña propagandística que os populares están a facer “en defensa dos seus intereses partidistas. Iso chámase oportunismo e indecencia política. E non teñen escrúpulos por xogar cun tema tan sensible e grave como é a falta de traballo. Xa o fixeron con Pemex e o naval de Ferrol”.

Manuel Martínez subliñou que os veciños de Lugo “deben saber que esta campaña do PP ten un custe para eles. Obrigan a gastar cartos públicos, cartos de todos, para financiar a súa campaña partidista porque forzan plenos innecesarios nos Concellos, na Deputación... por non falar dos publirreportaxes e os folletos que buzonean por toda a provincia”.

A Deputación non será cómplice da Xunta no paro

O voceiro socialista garantiu que, a pesar “de todas as trabas e manipulacións” da dereita, a Deputación de Lugo “non será cómplice da Xunta no aumento do paro e seguirá volcada co emprego”. De feito, a lucense é a Deputación galega que máis inviste neste eido, destinando case 13 millóns en 2014, o triplo que a Xunta na provincia. Dende o 2007, leva impulsado 10 plans de emprego para todos os concellos da provincia con máis de 4.000 beneficiarios.

O programa “que tan mal lle parece ó PP”, o único que non é para a totalidade da provincia, dará traballo durante 15 meses a 80 veciños no paro, e con el a Deputación “chega a onde a Xunta non quere chegar, pois prima ós concellos que Feijóo marxina un ano tras outro”. Segundo explicou Martínez, o plan, cunhas bases totalmente obxectivas e unha comisión de valoración estritamente técnica, está destinado á Concellos de menos de 5.000 habitantes “porque son os que menos recursos teñen”; prima ós municipios con Rede Natura e con superficie forestal porque “temos a obriga, mesmo legal, de compensalos con fondos públicos polas limitacións que supón esta figura de protección”; e prioriza tamén ós Concellos que non recibiron axudas nos últimos anos para ter un plan de emprego. Neste senso, o Deputado subliñou que “corrixe o sectarismo innegable da Xunta na concesión dos obradoiros. O propio alcalde de Sarria recoñece que o Goberno galego rota estes talleres”.