Deputación de Lugo

A Deputación ofrece formación gratuíta para potenciar a explotación dos soutos de castiñeiros na Montaña

Imaxe deputación de lugo
Manuel Martínez participou en Becerreá na posta en marcha dunha nova acción formativa gratuíta do Fórmate en Verde, unha das 10 liñas de emprego da DeputaciónO catedrático Antonio Rigueiro falou da importancia económica desta plantación na comarca, os produtos que se comercializan, os tratamentos e as doenzas que lle afectan 1.400 persoas reciben formación gratuíta sobre profesións de futuro e asesoramento para crear, reconverter ou diversificar as súas empresas dos sectores agrícola, gandeiro e forestal

A Deputación organizou este mércores en Becerreá unha nova acción formativa gratuíta que nesta ocasión analizou as posibilidades de explotación dos soutos de castiñeiros nas Montañas dos Ancares Lucenses. O Deputado de Xestión Territorial, Manuel Martínez, participou na iniciativa que forma parte do Fórmate en Verde, co que organismo provincial impulsa a formación sobre profesións de futuro. O catedrático de Produción Vexetal da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio Rigueiro, foi o encargado de analizar o carácter ecolóxico dos soutos, a súa implantación, o tipo de planta a utilizar, como os hábitos de vida inciden na súa explotación, as enfermidades que padecen e os produtos que se poden comercializar como resultado do seu cultivo.

Na sesión abordouse a relevancia que esta árbore ten na comarca da Montaña lucense pola súa abundancia e pola importancia económica, social e paisaxística dos soutos. Antonio Rigueiro expuxo os problemas de tipo sanitario destas árbores e as solucións a estas doenzas para conseguir mellorar a produción. O catedrático insistiu na repercusión económica dos soutos e os produtos derivados para esta comarca. Galicia comercializa o 50% das castañas que se poñen á venda en toda España e conta dende o 2009 coa Indicación Xeográfica Protexida, que aumenta o valor do produto. A provincia de Lugo concentra o 30% da produción deste cultivo en Galicia e a Comarca da Montaña conta con 2.827 hectáreas de soutos, polo que a explotación da castaña e outros derivados do castiñeiro supoñen unha alternativa laboral de futuro. Deste xeito, a sesión formativa deste mércores incluíu a análise das posibilidades de comercializar outros produtos relacionados cos soutos, como os cogomelos ou a madeira.

O programa Fórmate en Verde ofrece formación gratuíta a 1.400 lucenses en profesións de futuro relacionadas cos sectores da agricultura, gandería ou forestal, co obxectivo de crear ou reconverter as súas empresas, xerando emprego na provincia.