Deputación de Lugo

A Deputación habilitará o Salón de Plenos para seguir a conferencia de Emilio Duró, tras esgotarse as prazas dispoñibles en apenas media hora

Imaxe deputación de lugo
Centos de lucenses esgotaron as prazas previstas, polo que finalmente quedará habilitado este novo espazo para que os asistentes poidan seguir a conferencia en streaming. Para asistir só é necesario formalizar a inscrición gratuíta na web www.deputacionlugo.org

Centos de lucenses esgotaron en apenas 30 minutos as prazas dispoñibles nun principio para asistir no Salón de Actos de San Marcos, o vindeiro día 17 de decembro, á conferencia que ofrecerá na Deputación de Lugo ás 19:00 horas o economista e asesor Emilio Duró.

Ante o interese xerado, a institución luguesa habilitará o Salón de Plenos, no que os asistentes poderán seguir a Duró en streaming grazas ó traballo de profesionais e bolseiros da Fundación TIC. Neste caso, as solicitudes tamén se formalizarán por rigorosa orde de inscrición. O día 17 de decembro, os asistentes deberán presentarse media hora antes do comezo da charla para identificarse e amosar a súa entrada.

Emilio Duró Pamies é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Empresario, membro de Consellos de Administración e ex directivo de diferentes empresas, leva 25 anos traballando como consultor, asesor e formador nas primeiras empresas do país. Actualmente é colaborador e profesor asociado en Universidades e Escolas de Negocios nacionais e internacionais. Presenza habitual nos principais medios de comunicación, é autor de múltiples artigos en publicacións empresariais e de difusión xeral. Os seminarios e conferencias que imparte están enfocadas cara ó desenvolvemento de actitudes proactivas no ser humano.

O ciclo de conferencias enmárcase dentro do Innova-TE2, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea. Comprende varias accións para animar ás empresas lucenses a empregar as TIC, co obxectivo de mellorar os seus negocios e implicar á toda a cidadanía no uso das novas tecnoloxías