Deputación de Lugo

A Deputación impulsa a artesanía e os produtos autóctonos de calidade no II Mercado de Nadal Merca o teu

Regina Polín e Pablo Rivera presentaron a segunda edición do mercado en impulso ás pemes e autonómos do sector da agroalimentación e artesanía que se celebrará entre os días 20 de decembro e 5 de xaneiroA Ribeira Sacra terá este ano un especial protagonismo na caseta de información instalada, na que todos os que o desexen poderán asinar no libro oficial da Unesco en apoio á súa candidatura a Patrimonio da Humanidade Está prevista a celebración de obradoiros de cociña; degustacións gratuítas; concursos nas redes sociais e sorteos. O horario de apertura será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, agás o 24 de decembro e o 1 de xaneiro, nos que pechará ás 18:30 horas

A Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, presentou nun acto que tivo lugar hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, e no que estivo acompañada polo Director de Fondos Europeos da Deputación de Lugo, Pablo Rivera, o II Mercado de Nadal Merca o teu, que organiza a institución lucense e que se celebrará entre o venres, 20 de decembro, e o día 5 de xaneiro na Praza de San Marcos. Preto dunha vintena de pequenos empresarios e autónomos dos sectores da agroalimentación e a artesanía poñerán á venda os seus produtos nas 14 casetas instaladas. Tamén haberá un stand de información sobre o propio mercado e sobre a provincia, no que ademais estará o libro de sinaturas da campaña de apoio á Ribeira Sacra. Outra das casetas estará ocupada por diferentes artesáns, que farán demostracións en vivo de oficios como o de ferreiro, canteiro ou cesteiro, entre outros.

Polín destacou o éxito que esta iniciativa tivo o pasado ano, “na que os participantes conseguiron facturar 25.000 euros e publicitar entre os lucenses e visitantes o mellor da artesanía e dos produtos de calidade de toda a provincia”.

Actividades para toda a familia

Xunto coa venda de produtos gastronómicos e artigos de artesanía, durante os días que este mercado permaneza instalado na praza de San Marcos haberá tamén unha jaima que acollerá algunhas das actividades gratuítas programadas para toda a familia, malia que terán especial importancia aquelas pensadas especialmente nos máis cativos. Outros escenarios das actividades previstas serán os Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o Centro de Artesanía e Deseño e o Centro de Innovación Social InLugo.

Algunhas das actividades programadas máis orixinais son a celebración dun obradoiro gratuíto de cociña para nenos, impartido polo Restaurante Campos, ou un de preparación de saborosas e orixinais recetas aptas para celíacos. Estes obradoiros son posibles grazas á colaboración prestada pola Asociación de Hostaleiros lucense, á que Regina Polín quixo agradecer de xeito moi especial “a súa implicación con esta iniciativa”. A jaima tamén será escenario de degustacións gratuítas de produtos, que se celebrarán diariamente.

Do mesmo xeito están previstas máis actividades, pensadas co obxectivo de que os nenos participantes coñezan máis acerca dos recursos naturais da provincia, centrados especialmente nas Reservas da Biosfera de Terras do Miño e Ancares, ou acerca das novas tecnoloxías. A programación e horarios poderán ser consultados na web www.deputacionlugo.org, na que se irán actualizando os contidos periodicamente.

Concurso na rede

Pola súa banda, Pablo Rivera destacou que este ano as novas tecnoloxías e as redes sociais terán unha importante presenza nas actividades previstas, grazas a un concurso que se celebrará a través do Facebook. O Mercado, que este ano está inspirado no conto popular O Quebranoces, será o escenario no que os participantes poderán sacar as súas fotos para, posteriormente subilas á rede. A fotografía que cada día acade máis “Me gusta”, recibirá un agasallo e destas, a que ó final do Mercado consiga máis votos positivos, recibirá como premio unha tablet.

Premios e sorteos

Ó igual que o pasado ano, tamén haberá recoñecemento ó esforzo dos produtores e artesáns presentes por contribuír á boa imaxe do Mercado. Será a través dun premio de 100 euros e un bolígrafo electrónico ó participantes que mellor decore o seu stand.

Tamén os lucenses e visitantes que merquen neste Mercado poderán ter premio, xa que esntre todos os que fagan compras por valor de máis de 10 euros poderán participar nun sorteo dunha cesta con produtos agroalimentarios autóctonos de calidade. Ademais, os días 24 de decembro e 5 de xaneiro, todos os que desexen poderán achegarse ata a caseta de información, onde se elaborarán orixinais envoltorios para os agasallos mercados.

Apoio á Ribeira Sacra

Na caseta de información que quedará instalada na Praza de San Marcos, todos os que o desexen poden achegarse a asinar no libro oficial de UNESCO en apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, que permanecerá estes días na capital luguesa. O horario de apertura será o mesmo que o do Mercado. Nesta caseta tamén poderán atopar información acerca dos valores naturais e culturais da provincia, sobre as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares e sobre a Ribeira Sacra.

O Mercado de Nadal Merca o teu permanecerá aberto entre os días 20 de decembro e o día 5 de xaneiro na Praza de San Marcos. O horario de apertura será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:30 horas, agás os días 24 de decembro e 31 de xaneiro, no que o horario de tarde será de 16:30 a 18:30 horas e os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, nos que permanecerá pechado. Máis información sobre as actividades programadas e os horarios en www.deputacionlugo.org