Deputación de Lugo

Emilio Duró amosará os segredos para afrontar os cambios persoais e profesionais con optimismo

O prestixioso economista falará no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, o 17 de decembro ás 19:00 horas, dentro do ciclo de conferencias aberto ó público que ofrece gratuitamente a instituciónPara asistir é preciso inscribirse na web www.deputacionlugo.org ou no Rexistro Xeral da entidade dende mañá, 13 de decembro, ás 9:00 horas. A entrada está limitada ó aforo A conferencia de Emilio Duró pecha o ciclo enmarcado no Innova-TE2, que tamén contou coa participación doutros destacados expertos como Eduardo Punset ou Fernando Trías de Bes

A Deputación de Lugo acollerá, o vindeiro día 17 de decembro, unha nova conferencia do ciclo aberto ó público e gratuíto que ó longo deste ano achegou a Lugo ó longo deste ano ós mellores expertos. Neste caso será Emilio Duró, un dos máis destacados expertos españois en liderado e xestión da intelixencia emocional, o encargado de falar acerca do optimismo vital.

Baixo o título A xestión da ilusión en tempos de crise, Duró ofrecerá ideas acerca de como xestionar os tempos de cambio con optimismo, o emprego da ilusión fronte ós novos retos, as mellores técnicas para vencer os medos ou como asumir as responsabilidades das decisións propias para a fixación de obxectivos, tanto persoais coma profesionais.

A asistencia á conferencia, que se celebrará ás 19:00 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, é totalmente gratuíta e unicamente limitada ó aforo do recinto. Para asistir, os interesados só terán que apuntarse con anterioridade a través da páxina web www.deputacionlugo.org ou no Rexistro Xeral da institución provincial.

O prazo abrirase o venres, 13 de decembro, ás 9:00 horas. As solicitudes formalizaranse por rigorosa orde de inscrición. O día 17 de decembro, os asistentes deberán presentarse media hora antes do comezo da charla para identificarse e amosar a súa entrada.

Curriculum

Emilio Duró Pamies é licenciado en Ciencias Económicas pola Universidade Autónoma de Barcelona e pola Escola Superior de Administración e Dirección de Empresas (ESADE). Empresario, membro de Consellos de Administración e ex directivo de diferentes empresas, leva 25 anos traballando como consultor, asesor e formador nas primeiras empresas do país. Actualmente é colaborador e profesor asociado en Universidades e Escolas de Negocios nacionais e internacionais. Presenza habitual nos principais medios de comunicación, é autor de múltiples artigos en publicacións empresariais e de difusión xeral. Os seminarios e conferencias que imparte están enfocadas cara ó desenvolvemento de actitudes proactivas no ser humano.

Cofinanciado con fondos europeos

O ciclo de conferencias enmárcase dentro do Innova-TE2, o programa tecnolóxico da Deputación, financiado nun 80% pola Unión Europea. Comprende varias accións para animar ás empresas lucenses a empregar as TIC, co obxectivo de mellorar os seus negocios e implicar á toda a cidadanía no uso das novas tecnoloxías.