Deputación de Lugo

Gómez Besteiro defende que 'só a suma e a unidade nos levará ó éxito: acadar a declaración da Ribeira Sacra'

Os Presidentes das Deputacións de Lugo e de Ourense, xunto ó do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, asinaron este sábado un convenio aberto á suma de máis institucións e entidadesGómez Besteiro anunciou que “intensificarei o labor deste convenio, procurando novas adhesións, reuníndome cos colectivos, explicando preocupacións, para sumar cantas máis vontades. As portas da Deputacións de Lugo están abertas a todos” Paralelamente, o organismo provincial continuará coa campaña de recollida de sinaturas, tras recabar o apoio de máis de 6.000 persoas nos dous últimos meses, levando o autobús rotulado coa Ribeira Sacra por distintos puntos da xeografía galega e de España

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, o Presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Juan Carlos Armesto, asinaron este sábado o convenio de colaboración para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Fixérono nun acto no Mosteiro de San Pedro de Rocas, no Concello ourensán de Esgos, no que tamén participaron o Valedor do Pobo, José Julio Fernández Rodríguez, o Conselleiro de Cultura, Xesús Vázquez, así como Rexedores da Ribeira Sacra.

Gómez Besteiro destacou que “conseguir que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO é un reto colectivo, no que ninguén de nós é máis importante que os demais, que só pasa pola unidade e a suma. Comezar xuntos foi o principio. O 7 de outubro, nun encontro no Parador de Monforte de Lemos, as Deputacións de Lugo e Ourense acordamos impulsar conxuntamente esta candidatura. Manterse xuntos é a nosa forza. Hoxe, coa sinatura deste convenio, ratificamos o compromiso adquirido naquel encontro, acadando, ademais, a suma do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, do Valedor do Pobo e da Consellería de Cultura. Pero só o traballo conxunto nos levará ó éxito. Por iso, asinamos un convenio aberto á suma de máis institucións e entidades”.

O titular provincial lugués destacou que as aportacións dos 21 Concellos da zona, como mellores coñecedores da riqueza histórica, etnográfica, cultural, patrimonial…, ou de todos os colectivos cuxa actividade está vinculada á posta en valor da Ribeira Sacra é imprescindible para unha mellor elaboración da candidatura. Por este motivo, anunciou que dende a Deputación de Lugo se iniciará nas próximas semanas unha intensa axenda coa que escoitar todas e cada unha das propostas dos municipios, asociacións e entidades.

“Intensificarei o labor deste convenio, procurando novas adhesións, reuníndome con todos os colectivos, explicando calquera tipo de preocupación, para sumar cantas máis vontades. Todos os que queiran traballar pola Ribeira Sacra encontrarán abertas as portas da Deputación de Lugo”, remarcou.

Campaña de sensibilización

“Esta declaración é unha oportunidade única para a Ribeira Sacra, para Lugo, Ourense e toda Galicia. Baixo a experiencia vivida na propia cidade de Lugo coa declaración da Muralla, que supuxo un antes e un despois, temos que implicar a todo o mundo”. Neste senso, Gómez Besteiro avanzou que a Deputación luguesa continuará coa campaña de sensibilización que puxo en marcha hai dous meses, sumando o apoio de máis de 6.000 persoas que asinaron no libro oficial da UNESCO. Deste xeito, o autobús rotulado coa Ribeira Sacra seguirá co seu traxecto por distintos puntos da xeografía galega e de España.

“O éxito será de todos”

“O compromiso persoal que adquirín no 2011 de impulsar a candidatura da Ribeira Sacra para ser declarada Patrimonio da Humanidade é hoxe un compromiso compartido, reflexado no acto de sinatura deste convenio. O que é de todos non é de ninguén, e iso implica que debemos afrontar este proceso coa máxima da unidade, que será o que vai dar resultados de cara o futuro. Sigamos sumando para liderar xuntos este obxectivo común de valorizar un territorio compartido por Lugo e Ourense, as provincias de España, xunto con Zamora, máis afectadas pola sangría demográfica. Convirtamos a consecución da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade nun novo fito na historia de todos os galegos e galegas acadado baixo a suma e a unidade. Non desaproveitemos esta oportunidade única para a crear emprego e impulsar a economía do noso país. Só entre todos conseguiremos que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade. O éxito será de todos os galegos”.