Deputación de Lugo

O PP demostra no Pleno que 'antepón o oportunismo político á creación de emprego'

O Grupo Popular quedou en evidencia ó limitarse a “atacar con datos sesgados e manipulados a quen precisamente crea emprego”, mentres se nega a pedirlle máis fondos á Xunta para loitar contra o paro, cando é a administración que ten as competenciasMartínez subliña que a Deputación inviste 466 euros por desempregado lucense, fronte ós 145 do Goberno galego, a pesar de que conta con 100 veces máis orzamento O voceiro confía en que a mesma mobilización dos alcaldes do PP contra o programa de inserción laboral da Deputación “a fagan contra o repago, o canon da auga, a suba de SOGAMA, as preferentes ou a Reforma Local, en defensa dos intereses dos seus veciños”O Presidente enmarca o plan nos “compromisos prioritarios que temos para este mandato: o emprego e os servizos sociais. En tempos de crise temos que centrarnos no fundamental, que é axudar a quen o necesita”

O Pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá na Deputación de Lugo demostrou que o Partido Popular “antepón o oportunismo político á creación de emprego”. O Grupo Popular quedou en evidencia ó limitarse a “atacar con datos sesgados e manipulados, e medias verdades contra quen precisamente crea emprego”, mentres se nega a demandarlle máis fondos á Xunta de Galicia para loitar contra o paro, cando é a administración que ten as competencias na materia. “Queda claro que ó PP non lle gusta que fagan outros o que eles non fan; non vaia ser que se demostre que existe unha alternativa á súa xestión, e queden en evidencia”, subliñou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez, durante a sesión plenaria, na que foi rexeitada unha moción dos populares contra o novo plan de emprego da institución lucense.

A propia solicitude do pleno “retrata o oportunismo do PP, algo normal pois estes días vimos o paradigma da indecencia e o cinismo político cando os alcaldes populares foron a Madrid a protestar pola situación de Navantia e de Ferrol”, asegurou Martínez. A campaña partidista do PP quedou probada, pois “puideron levar ó pleno ordinario da semana pasada o debate sobre o plan de emprego, e non o fixeron”. O Deputado recalcou neste senso que os populares víronse na obriga de renunciar ás dietas pola asistencia á sesión “porque llelo reprochamos, e deulles vergonza”. O voceiro avanzou neste senso que os membros do Goberno provincial tampouco percibirán estas remuneracións.

“Pídennos que votemos contra o emprego”

Para o Executivo provincial, “é insólito, a primeira vez”, que un partido político ataca frontalmente a creación de postos de traballo: “Pídennos que votemos contra o emprego. Non só destrúen emprego, senón que cargan contra quen o crea. Recorreron ós tribunais o Lugo Emprega, que era para todos os desempregados, e protestan por este. Dálles igual”.

Manuel Martínez dixo confiar en que a mesma mobilización dos alcaldes lucenses do PP en contra do programa provincial de inserción laboral “a fagan para rexeitar o repago sanitario, o canon da auga, a suba de SOGAMA, as preferentes ou a Reforma Local, en defensa dos intereses dos seus veciños”.

Emprego e servizos sociais, compromisos prioritarios

Pola súa banda, o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que o Goberno provincial marcouse como compromisos fundamentais deste mandato o emprego e os servizos sociais. Deste xeito, o plan de inserción laboral para Concellos de menos de 5.000 habitantes é froito dese “compromiso político que asumimos”. “Non temos as competencias en emprego, pero nestes tempos toca comprometerse, por iso impulsamos este tipo de iniciativas, para solucionar o principal problema desta provincia e deste país”, explicou.

“En época de crise temos que axudar a quen o necesita e distinguir, renunciar a facer obras como tradicionalmente facía a Deputación para centrarnos no fundamental, que é que a xente o esta a pasar mal, e nalgunhas zonas da nosa provincia, peor”, subliñou para incidir en que “debemos tratar igual ós iguais, e desigual ós desiguais. Iso é polo que nós estamos en política”.

O PP destrúe emprego

Manuel Martínez incidiu na diferenza entre o esforzo para a creación de emprego que está a facer a Xunta e a Deputación de Lugo: “Feijóo prometeu acabar co paro en 45 días, e o que fixo foi recortar en 238 millóns de euros os fondos para as políticas activas de emprego dende que entrou na Xunta, e ata un 74% o investimento por galego desempregado”. O resultado, engadiu, foi “unha suba do paro en Galicia dun 70,31%, mentres que no resto do Estado aumentou un 47,22%. O número de parados subiu en 2.629 persoas en novembro, hasta chegar ós 270.854 parados de Feijóo”. En canto á provincia de Lugo, hai 7.000 desempregados máis, en total case 28.000, “polos que o PP non se molesta para nada e cando alguén se preocupa tratan de facelo culpable de crear postos de traballo”. “E de Rajoy, Fátima Báñez, a Virxe do Rocío e a súa Reforma Laboral, que dicir... endosáronlle 1 millón de parados máis a este país”, indicou.

A Deputación, con todos os Concellos

A Deputación, en cambio, aposta polo emprego, a pesar de non ter as competencias. O voceiro socialista lembrou que a institución provincial puxo en marcha dende 2007 ata 10 programas de emprego para toda a provincia con máis de 4.000 beneficiarios, e no ano 2014 investirá 12,8 millóns de euros neste eido tamén para todos os Concellos lucenses, o triplo que a Xunta, cando ten 100 veces máis orzamento. Deste xeito, tal e como certificou o Deputado, o organismo provincial inviste 466 euros por desempregado lucense, fronte ós 145 da Administración autonómica. O plan de emprego que agora ten en marcha “é froito da falta de iniciativa política de Feijóo e corrixe o sectarismo da Xunta”, afirmou
.
“Os obradoiros da Xunta rotan entre os municipios”

Manuel Martínez defendeu que as bases do plan de emprego da Deputación están feitas “con criterios totalmente obxectivos”. Trátase do número de desempregados, a superficie de Rede Natura e a extensión forestal. Estes criterios obxectivos contrastan co que fai a Xunta. “Segundo di un dos seus propios alcaldes, o de Sarria en concreto, os obradoiros rotan entre os municipios e reciben un en cada mandato, así é como actúa o Goberno galego”, asegurou.