Deputación de Lugo

Restablecida a normalidade de circulación nas estradas provinciais

A totalidade das vías provinciais está aberta ó tráfico logo das tarefas de limpeza de neve nos Concellos de Cervantes, Courel, Cebreiro, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Samos e QuirogaA Deputación de Lugo colaborará co Concello leonés de Candín ampliando a zona de limpeza ata as estradas que comunican a provincia coas localidades próximas de Suarbol e Balouta

As estradas provincias recuperaron hoxe a normalidade despois de que as máquinas e operarios do Plan Invernal da Deputación se empregaran a fondo nos últimos tres días para limpar de neve a rede viaria provincial. Na actualidade, todas as estradas están despexadas e abertas ó tráfico e non é preciso o uso de cadeas en ningún porto de montaña.

A pesares de que as previsións meteorolóxicas non indican neve para os vindeiros días, o dispositivo invernal da Deputación continúa en alerta ante posibles incidencias futuras.

Durante a fin de semana as máquinas da Deputación estiveron despexando as estradas dos Concellos de Cervantes, Folgoso do Courel, Pedrafita do Cebreiro, A Fonsagrada, Navia de Suarna, Samos e Quiroga.

A Deputación de Lugo, atendendo á solicitude do Concello leonés de Candín, ampliará a súa zona de actuación na Montaña para despexar de neve cando sexa necesario as estradas que comunican a provincia coas localidades de Suarbol e Balouta, en concreto, as que unen Muras de Rao con Balouta, e o Piornedo con Suarbol.

Este Concello Leonés remitiu un escrito á Deputación solicitando a colaboración da institución luguesa capaz de actuar con maior rapidez e efectividade pola proximidade destes núcleos á provincia de Lugo, tendo en conta que o acceso ás mesmas é imposible dende a cara leonesa dos Ancares. A Deputación de Lugo asume estes traballos a pesar de non ser titular das estradas nin responsable da súa limpeza, en aras da seguridade vial e a cooperación con outras entidades.

Amplo operativo de inverno

A Deputación puxo en marcha, o pasado mes de novembro, o seu dispositivo invernal composto por 104 traballadores e 64 máquinas cos que actúa coa máxima axilidade en casos de temporais ou sucesos puntuais, para conservar e manter sempre en perfectas condicións a rede viaria provincial, a máis extensa de España con 4.200 quilómetros. Este plan invernal garante a cobertura de incidencias nas estradas provincias dos 67 Concellos lucenses as 24 horas do día.