Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo reduciu nun 37% os gastos de telefonía nos dous últimos anos

Imaxe deputación de lugo
A rebaixa na factura entre decembro de 2011 e decembro de 2013 foi dun 39,5% no caso da telefonía fixa e dun 34,2% no caso da móbil, o que supuxo un aforro total de 129.290 eurosEste aforro foi posible grazas á diminución das liñas móbiles, o establecemento de cotas de consumo ou a implantación de Voz sobre IP, un servizo de comunicacións telefónicas a través da redeA Deputación reduciu os gastos correntes en 1,7 millóns de euros nestes dous anos coa implantación das novas tecnoloxías e a utilización racional dos recursos dispoñibles

A Deputación de Lugo conseguiu reducir nos dous últimos anos nun 37% os custes de telefonía, tanto móbil como fixa, o que se traduciu nun aforro total de 129.290 euros no capítulo de gastos correntes neste tempo. A rebaixa na factura, rexistrada entre decembro de 2011 e decembro de 2013, foi dun 39,5% na telefonía fixa e dun 34,2% na móbil. Isto permitiu un aforro anual de 109.121 euros no primeiro caso e de 20.167 no segundo, o que supón, pois, unha redución total no gasto de 129.290 euros ó ano.

Este aforro foi posible grazas á aprobación dun novo contrato de telefonía no ano 2012, posto en marcha tras someter a un exhaustivo estudo, realizado mediante mecanismos informáticos, aspectos como os rexistros de chamadas de todos e cada un dos departamentos provinciais, ou o tipo de servizo que dá cada un deles. Isto permitiu determinar, entre outros aspectos, cales eran as franxas horarias máis adaptadas ó horario laboral dos traballadores, posto que, a modo de exemplo, non son as mesmas nas oficinas que prestan servizos de atención ó público que as que levan a cabo os capataces do Servizo de Vías e Obras ou outros empregados provinciais con disponibilidade horaria. Este novo contrato de telefonía, adaptado ás necesidades de cada departamento provincial, deu como resultado a redución das liñas de telefonía móbil a 78 ou o establecemento nestas de cotas de consumo de 25 a 50 euros. Finalmente, estandarizáronse as tarifas de datos de todos os dispositivos móbiles e restrinxíronse as chamadas saíntes, como as de servizos de custe ou as internacionais.

Un paso máis nesta racionalización deuse o pasado ano, cando en todas as dependencias provinciais se implantou un servizo de telefonía chamado de Voz sobre IP, que permite as comunicacións telefónicas a través da rede contribuíndo a aumentar o aforro neste concepto, xa que dende a súa posta en marcha, as chamadas internas, tanto a teléfonos fixos como a móbiles corporativos, son totalmente gratuítas e permite unha significativas redución dos custes nos resto de tarifas. Todas estas medidas foron implantadas na Deputación con fondos europeos do Innova-TE.

Racionalización do gasto

Esta é algunha das medidas adoptadas na Deputación que permitiron que os gastos correntes se reduciran en 1,7 millóns de euros só nos dous últimos anos. Entre estas destaca, por exemplo, a contención nos gastos de material de oficina nos que se acadou un aforro de 1,1 millóns de euros grazas a novas fórmulas de contratación e á implantación das novas tecnoloxías. Entre estas fórmulas destaca a implantación da administración electrónica na Deputación, que conlevou a dixitalización de todos os arquivos e que reduciu os custes de adquisición de papel en 435.000 euros ó ano; o contrato de aluguer de equipos multifunción, como fotocopiadoras e impresoras, ou a substitución do papel timbrado, que antes se encargaba a unha empresa, por plantillas informáticas.

Outra iniciativa de racionalización dos gastos correntes foi a reforma do contrato do subministro eléctrico nas dependencias provinciais, que deu como resultado un aforro de 135.000 euros na factura da luz. A Axencia Lucense da Enerxía realizou previamente un análise individualizado das dependencias provinciais, co fin de detectar posibles problemas de eficiencia e utilizar de forma más axeitada os recursos dispoñibles. Estas auditorías son as que se están a realizar nos Concellos adheridos ó Club dos Renovables, e que xa permitiron un aforro acumulado de 265.000 euros nos 26 Concellos nos que se implantou este Plan Enerxético provincial.