Deputación de Lugo

O Centro de Artesanía e Deseño homenaxea ós teceláns lucenses cunha exposición de teares e demostracións en vivo

Imaxe deputación de lugo
A Capela de Santa María e a Sala de Exposicións do Centrad acollerán dende o día 29 unha mostra de teares e de instrumentos e pezas tradicionais realizadas con esta laborDúas artesás octoxenarias amosarán os segredos deste oficio tradicional con demostracións en vivo abertas ó público todos os mércores de febreiro ás 18:00 horas Esta mostra poderá visitarse ata o 3 e marzo nos horarios habituais da Capela e da Sala de Exposicións do Centrad. Tanto a exposición como as demostracións en vivo son totalmente gratuítas

O Centrad homenaxeará ós teceláns lucenses cunha exposición na que se poderán admirar diferentes teares tradicionais así como instrumentos empregados por estes artesáns e pezas realizadas con esta técnica. Dende este mércores, 29 de xaneiro e ata o vindeiro 3 de marzo os visitantes poderán coñecer esta mostra e aprender os segredos do oficio coas demostracións en vivo previstas.

A exposición repartirase entre a Capela de Santa María e a propia Sala de Exposicións do Centro e recrea todo o proceso de fabricación artesán dun produto téxtil dende o momento da preparación do fío. Así na Capela exhibiranse un tear e outros instrumentos complementarios para a realización dos traballos como urdideiras ou lizos. Na mesma sala tamén se poderán admirar varias pezas realizadas con tear tradicional como colchas, manteis e alfombras, realizadas con diferentes técnicas tradicionais, que amosarán a evolución da técnica e dos traballos en tear. Na Sala de Exposicións, pola súa banda, exhibiranse 15 colchas de distintas épocas para ver a evolución particular deste tipo de prendas realizadas en materiais como estopa, algodón con lá de ovella tinguida, liño, entre outros.

Todas as pezas que se exporán foron facilitadas desinteresadamente por particulares. O Centrad enmarca esta homenaxe ós teceláns lucenses na divulgación da artesanía tradicional, amosando a evolución das máquinas e tecidos na provincia.

Esta exposición complementarase todos os mércores con demostracións en vivo ofrecidas por dúas artesás octoxenarias, que amosarán todo o proceso de elaboración dunha peza téxtil. Emérita Ribas e Celsa Rodríguez serán as encargadas de preparar o fío, introducilo no tear e tecer unha peza, realizando cada día parte do proceso.

Horarios

A Capela de Santa María terá aberta a mostra ata o vindeiro 3 de marzo nos seus horarios habituais: de luns a venres, de 10:30 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas; sábados, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas. A Sala de Exposicións permanece aberta os días laborais en horario ininterrompido de 9:00 a 19:00 horas. As demostracións en vivo serán os mércores entre as 18:00 e as 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Centrad. A entrada a calquera das mostras e ás exhibicións en vivo é libre e gratuíta.