Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo convida a medio milleiro de institucións e colectivos da provincia a sumarse ó convenio da Ribeira Sacra

Imaxe deputación de lugo
O organismo provincial enviou este luns o modelo de adhesión ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia, ó tempo que o publicou en www.deputacionlugo.org para que todos os interesados en sumarse poidan faceloGómez Besteiro remitiu o venres unha carta a Baltar Blanco dándolle conta da aprobación na Xunta de Goberno Provincial do modelo de adhesión ó convenio aberto á participación asinado polas Deputación de Lugo e Ourense xunto ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra O Presidente lugués iniciará nas vindeiras semanas unha intensa axenda coa que escoitar todas e cada unha das propostas. “As portas da Deputación de Lugo están aberta a todos”

A Deputación de Lugo enviou este luns o modelo de adhesión ó convenio para a declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade a medio milleiro de institución e colectivos da provincia, entre os que se atopan os 67 Concellos lucenses, ó tempo que o publicou na súa páxina web, www.deputacionlugo.org, para que todos os interesados poidan sumarse. Faino tras aprobar este modelo de adhesión na Xunta de Goberno Provincial o pasado venres, data na que o Presidente, José Ramón Gómez Besteiro, remitiu unha carta ó seu homólogo en Ourense, Manuel Baltar Blanco, dándolle conta deste acordo.

Gómez Besteiro cumpre o seu compromiso de sumar todas e cada unha das institucións, colectivos e entidades lucenses ó convenio aberto á participación asinado polas Deputacións de Lugo e Ourense, xunto ó Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, para o impulso conxunto da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

O titular provincial lugués mantén que “este é un reto colectivo, no que ninguén é mais importante que os demais, e que só pasa pola unidade e a suma”. Por este motivo, dende a Deputación de Lugo se intensifica a labor do convenio asinado.

Neste senso, Gómez Besteiro iniciará ademais nas vindeiras semanas unha intensa axenda coa que escoitar todas e cada unha das propostas ou preocupacións sobre a declaración da Ribeira Sacra. “As portas da Deputación de Lugo están aberta a todos”, destaca.

Paralelamente, a Deputación de Lugo continuará coa campaña de sensibilización cidadá e recollida de sinaturas, levando o autobús rotulado coa Ribeira Sacra por distintos puntos de Galicia e España durante o 2014.

Farao logo de superar as 6.000 firmas no libro oficial da UNESCO, que recompilou nos Concellos de Lugo, Monforte de Lemos, Ribas do Sil, Chantada, Taboada, Portomarín, Carballedo, Paradela, Bóveda, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Quiroga e Sober, onde estivo o autobús.

A Deputación de Lugo seguirá, polo tanto, “sumando para liderar xuntos este obxectivo común de valorizar un territorio compartido por Lugo e Ourense para converter a consecución da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade nun novo fito na historia de todos os galegos e galegas, acadado baixo a suma de todos e cada un dos esforzos. Non podemos desaproveitar esta oportunidade única para crear emprego e impulsar a economía do noso país”.