Deputación de Lugo

A Deputación ofrece medidas de aforro ante a suba da luz que custará 2,3 millóns de euros máis ó ano ós lucenses

Os lucenses terán que afrontar no 2014 este aumento nas facturas dos seus fogares máis nas dos seus Concellos, pero o incremento pode ser maior a partir de marzo se o Goberno Central acepta a suba pedida polas eléctricas do 11,5% A Deputación prepara unha Guía Verde para veciños, empresas e administracións que explica como aforrar na facturación eléctrica con consellos e asesoramento técnicoA Axencia Provincial da Enerxía aplica gratuitamente en 37 Concellos medidas de eficiencia enerxética que supoñen un aforro nas súas facturas de ata 1,5 millóns de euros ó ano

O Deputado de Cooperación e Asistencia ós Concellos, Álvaro Santos Ramos, salientou este martes que a suba da luz imposta polo Goberno Central obrigará ós lucenses a pagar como mínimo 2,3 millóns de euros máis ó ano. Ata o ano pasado os cidadáns da provincia xa tiñan que desembolsar 102 millóns de euros a través das facturas dos seus fogares máis dos seus Concellos respectivos. Esta cifra aínda podería subir ata os 11,5 millóns de euros máis segundo o prezo que se fixe para o segundo trimestre do ano. Ante esta situación, Santos Ramos destacou as medidas de aforro enerxético que ofrece a Deputación dende a Axencia Provincial da Enerxía. Fíxoo nun acto, no que estivo acompañado polo director deste departamento do organismo provincial, Antonio Álvarez e no que detallaron a repercusión desta suba nas contas dos fogares e dos Concellos.

Suba nos fogares

Santos Ramos destacou a suba da luz como “unha noticia terrible para a economía familiar que está a sufrir, como vimos denunciando dende a Deputación, unha situación crítica ante a continua suba de impostos dos Executivos de Feijóo e Rajoy” e insistiu en que este aumento suporá que os lucenses paguen ó ano unha media 654 euros. O Deputado recalcou que esta cantidade está calculada de manterse a suba aplicada no primeiro trimestre a todo o ano e insistiu en que previsiblemente o prezo da luz continuará subindo. Santos Ramos explicou que “se temos en conta o número de domicilios que hai na provincia que é de 135.891, excluíndo segundas vivendas, o resultado é que os lucenses desembolsarán 89 millóns de euros ó ano, 2 millóns de euros máis que o ano pasado. Esta cifra podería incluso chegar a ser de 10 millóns de euros máis no caso de que a luz suba un 11,5%, como tiña previsto o goberno”.

O Deputado explicou que estes cálculos son só referidos a fogares e salientou os prexuízos que esta medida supón para Pemes e autónomos.

Suba nos Concellos

Santos Ramos insistiu en que “o desembolso que fan os lucenses é aínda maior tendo en conta que tamén con cartos públicos, é dicir con cartos de todos os lucenses, hai que facer fronte ó incremento da factura eléctrica nos Concellos” e destacou que a suba actual suporá que a súa factura dos seus municipios se incremente en 4.600 euros anuais máis por Concello. Na provincia o incremento total é de 308.000 euros ó ano.

O Deputado concluíu que “os lucenses terán que pagar un mínimo de 2,3 millóns de euros máis ó ano tendo en conta as facturas nos fogares coma nos Concellos”.

Consellos para aforrar

A Deputación está a ultimar unha Guía Verde dirixida a particulares, empresarios e entidades para acadar un maior aforro enerxético e eficiencia na contratación da luz. Será presentada nas próximas semanas e comprende aspectos de asesoramento e consellos.

A Axencia Provincial da Enerxía xa está aplicar estas medidas de aforro para os Concellos adheridos de xeito voluntario ó Plan de Aforro Enerxético da Deputación co que poderán reducir as súas facturas eléctricas anuais ata nun 20%. Xa se realizaron auditorías en 37 Concellos e se leva instalado material eficiente en 13 municipios que xa aforran 160.000 euros cada ano nas súas facturas da luz. Son: O Incio, A Fonsagrada, Abadín, Cervantes, Pol, Samos, Pedrafita, Negueira, Barreiros, Rábade, A Pontenova, Baralla y O Valadouro. O organismo provincial desenvolverá os traballos nos Concellos sumados ó Plan de tal xeito que o aforro ás arcas municipais, podería alcanzar os 1,5 millóns de euros.

Deste xeito, as entidades locais beneficiaranse dunha medida que a propia Deputación de Lugo xa implantou nas súas propias instalacións a principios do ano pasado e co que se acadou un aforro anual de preto de 123.000 euros, o que supuxo un 25% menos de gasto na facturación eléctrica.

Antonio Álvarez recalcou que as medidas de aforro son necesarias xa que en España nos últimos anos aumentou o prezo da luz nun 63%, sendo actualmente o 3º país máis caro da Unión Europea.