Deputación de Lugo

Gómez Besteiro e Lara Méndez apoiarán a concentración de repulsa do asasinato de dúas veciñas de Cervo

O Presidente e Vicepresidenta Segunda participarán co resto dos veciños na concentración de repulsa por este crime ás 12:00 horas de hoxe ante o Concello cervense A Deputación de Lugo enviou onte un comunicado oficial condenando o tráxico suceso e transmitindo as súas condolencias a familiares e amigos das dúas vítimas

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, e a Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, apoiarán coa súa presenza a concentración de repulsa polo asasinato das dúas mulleres naturais do Concello de Cervo, sucedido onte. Gómez Besteiro e Méndez uniranse ó resto de asistentes ás 12:00 horas na Praza do Concello desta localidade.

Gómez Besteiro expresou a súa “máis enérxica repulsa e condena deste acto de violencia que tivo como fatal desenlace o falecemento destas dúas veciñas de Cervo”. O Presidente expresou as súas máis sentidas condolencias ós familiares das vítimas e, “como non podía ser menos”, a súa intención de participar no acto convocado esta mañá.

A Deputación enviou onte un comunicado oficial co que condenaba o tráxico suceso acontecido en Cervo, no que dúas mulleres desta localidade, de 72 e 45 anos, nai e filla respectivamente, resultaron falecidas. A Vicepresidenta segunda, Lara Méndez, en representación da Corporación Provincial e como veciña do municipio Cervense, transmitiu ós familiares e amigos das vítimas “as máis sentidas condolencias”. Neste mesmo comunicado, Méndez, insistía na repulsa deste acto violento e manifestaba o desexo de que a investigación policial en marcha, esclarecera o sucedido coa maior brevidade posible.