Besteiro acada o apoio unánime da Corporación provincial para esixir ós Gobernos central e autonómico a Estación Intermodal de Lugo
O Presidente da Deputación de Lugo amosou a súa satisfación tras acadar o apoio de todos os grupos políticos presentes na Corporación provincial coa sinatura, por parte dos seus respectivos voceiros provinciais, dunha declaración institucional, que foi referendada no Pleno, instando ó Ministerio de Fomento a reanudar a execución do proxecto relativo á construción da Estación Intermodal da capital luguesa.
A Xunta Extraordinaria de Voceiros reunida antes da celebración do Pleno provincial sacou adiante unha declaración que, a instancias do propio Presidente, fora presentada ós grupos políticos este mesmo luns e coa que a Deputación de Lugo esixía ó Goberno Central e á Xunta de Galicia non paralizar un proxecto prioritario para a provincia de lugo, que pretendía conseguir a modernización do transporte terrestre para toda a provincia e dotar ós lucenses dunha maior interconexión por medio da Alta Velocidade. Logo de que o PSOE e o BNG adiantaran o seu voto a favor, finalmente o PP púxose de parte da cidade, votando a favor dunha declaración institucional firme, clara e esixente, tal e como lle reclamaba onte Gómez Besteiro.
Así, o máximo responsable provincial expresou a súa gran satisfacción por acadar unha declaración institucional plena, que loite para que Lugo non se quede sen esa Estación Intermodal, destacando a importancia desa infraestrutura posto que non só é unha cuestión relacionada coa Alta Velocidade, senón que tamén permitiría cohesionar e equilibrar moito máis a cidade. Besteiro destacou que esta dotación suporía un pulo particular para zonas da capital como o Sagrado Corazón; As Gándaras; A Chanca; A Fervedoira; Paradai ou o Barrio da Estación, actuando como factor de rexeneración urbana. Igualmente, o Presidente destacou que renunciar a este proxecto tamén suporía facelo á recuperación do espazo que ocupa a vella estación de autobuses.
Incógnitas sobre o papel de Feijóo
Gómez Besteiro insistiu na necesidade de que o Presidente da Xunta dea explicacións claras sobre o papel xogado pola Administración autonómica na suspensión do proxecto. O Presidente instou a Feijóo a despexar certas incógnitas, como se tivo coñecemento desta rescisión hai dezaseis meses e, en caso negativo, se estaría agora disposto a pedir explicacións polo incumprimento dun convenio no que participa a Xunta de Galicia, ou se tomará algunha decisión para que esta situación se corrixa. Se o sabía, como llo ocultou ó lucenses? e, se non o sabía, que decisión vai tomar para poñer en valor o que nós imos defender?; como vai chegar a Alta Velocidade a Lugo?, remarcou o Presidente.
Do mesmo xeito, Gómez Besteiro instou a Feijóo a aclarar se ten vontade de cumprir co seu compromiso da campaña electoral do 2009, cando garantiu que a Xunta financiaría a Alta Velocidade no caso de que o Goberno central finalmente non o fixera. Temos que saber se Feijóo sigue firme nese compromiso. Todo eso debe contestalo o Presidente da Xunta, sentenciou Gómez Besteiro.