Deputación de Lugo

A Deputación mobiliza 16 quitaneves e 32 operarios para despexar as vías provinciais de oito Concellos

O departamento de Vías e Obras activou onte un operativo para garantir a circulación e a seguridade en estradas dos Concellos de Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, O Courel, A Fonsagrada, O Incio, Quiroga e Cervantes

A Deputación de Lugo puxo en marcha na tarde de onte un operativo do Plan Invernal de Estradas, por causa das precipitacións de neve caídas en zonas altas da provincia. O organismo provincial, a través do departamento de Vías e Obras, mobilizou 16 máquinas quitaneves e 32 operarios que, dende últimas horas do día de onte, están traballando para despexar as estradas provinciais que discorren por Concellos da Montaña e outras zonas altas da provincia, en concreto nos Concellos de Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, O Courel, A Fonsagrada, O Incio, Quiroga e Cervantes.

A neve acumulada, que alcanza os 20 centímetros nalgúns puntos, obriga a manter pechadas, polo momento, as estradas LU-P-1412, no Concello de Cervantes, e as LU-P-1303 e LU-P-4501, no do Courel. No resto de estradas ubicadas nos Concellos citados anteriormente, estase a circular con dificultade, polo que se recomenda precaución e evitar os desprazamentos innecesarios.

As máquinas e operarios da da Deputación continuarán traballando ininterrumpidamente durante toda a xornada e, previsiblemente, se as inclemencias meteorolóxicas remiten, recuperarase a normalidade no tráfico hoxe mesmo.