Deputación de Lugo

A Deputación entrega os premios do I Concurso de Fotografía Micolóxica das Reservas da Biosfera

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, entregou este xoves os premios do I Concurso de Fotografía Micolóxica do organismo provincial, organizado para divulgar a variedade e beleza dos cogomelos das Reservas da Biosfera Terras do Miño e Ancares.

Os galardoados, que tiveron que realizar as súas fotografías nestes territorios son: Adrián Fernández Del Moral que recibirá o primeiro premio dotado con 800 euros; José Castro Ferreiro, que acadou o segundo premio, dotado con 500 euros; e Manuel Vázquez Torrón que foi merecedor do terceiro premio, dotado con 300 euros.

Presentáronse 19 obras que se exporán ata o 1 de xullo no Centro de Interpretación Terras do Miño. Esta exposición fotográfica amplíase grazas á colaboración da Sociedade Micolóxica Lucus que aporta á mostra uns paneis informativos sobre os hábitats dos cogomelos das Reservas da Biosfera lucenses. Cada panel inclúe un código QR co que os visitantes poden acceder a información en formato dixital.