Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo, 1ª en España en implantar cláusulas en defensa dos dereitos dos traballadores nos contratos de servizos

“Blindamos ós empregados das empresas que prestan un servizo a esta institución esixindo por escrito como condicionante que se garanta a plantilla e os seus dereitos laborais durante toda a relación contractual”, subliña o Presidente“Cremos nun emprego de calidade, polo que nos pregos de contratación puntuaremos o número de contratos indefinidos das empresas ofertantes, as melloras laborais que propoñan e a inserción de empregados con discapacidade”, explicaEste modelo de contratación entrou xa en marcha coa tramitación de 5 pregos que blindan 83 postos de traballo Para Besteiro, “a contratación pública é unha política pública máis, unha ferramenta para acadar os obxectivos que nos temos marcado como institución progresista que prioriza os problemas das persoas e loita por un sistema económico xusto e igualitario”

A Deputación de Lugo é o primeiro organismo provincial de España e pioneira entre as administracións públicas de Galicia en impoñer cláusulas que defenden os dereitos dos traballadores, as denominadas cláusulas sociais, en tódolos contratos de servizos. Así o anunciou este mércores o Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, quen se mostrou convencido de que “a contratación pública é unha política pública máis, unha ferramenta para acadar os obxectivos que nos temos marcados como institución progresista que prioriza os problemas das persoas e loita por un sistema económico xusto e igualitario”. “A política non debe estar nas mesas de contratación, senón no deseño e control das políticas de contratación”, recalcou.

A Deputación de Lugo aplica este modelo de contratación socialmente responsable “nun momento coma este” porque “cremos nun emprego de calidade apoiando ás empresas que o crean e porque así blindamos ós traballadores das firmas que prestan un servizo a esta institución, pois esiximos por escrito como condicionante que se garantan durante toda a relación contractual tanto o número de empregados, como as súas condicións laborais, tipo de contrato e soldo”, explicou Gómez Besteiro.

Deste xeito, engadiu, “impedimos que algunha empresa aproveite e se escuse en leis tan nefastas como a reforma laboral do Goberno central para vulnerar os dereitos dos traballadores en favor de despedimentos en precario”.

Cales son as novas cláusulas sociais?

A Deputación introduce cláusulas sociais nos pregos de contratación de servizos e esixirá o cumprimento de medidas sociais durante a execución do contrato.

Os novos requisitos nos pregos de contratación son os seguintes:

Incorpórase como criterio de valoración o número de traballadores con contrato indefinido das empresas que presenten oferta.

Teranse en conta as propostas que impliquen unha mellora nas condicións laborais e salariais con respecto ó Estatuto dos Traballadores e ó convenio estatal vixente ou o que resulte de aplicación.

Terase en conta a inserción de traballadores con discapacidade.

Tal e como obriga a lexislación estatal e autonómica, a oferta económica puntúa moi significativamente, pero a Deputación non permitirá baixadas desproporcionadas ou anormais no prezo a costa de reducir en gastos laborais. Incorporando esta obriga atende a Directiva 2014/24 da Unión Europea sobre Contratación Pública aprobada o pasado mes de xaneiro, que aínda non ten aplicación en España.

En canto ós novos requisitos na execución do contrato, son os seguintes:

As empresas deben cumprir coas condicións laborais que ofertaron, é dicir, manter o número de traballadores, contratos indefinidos, soldos...

E deben manter as condicións económicas e sociais previstas no convenio estatal ou sectorial.

Estas dúas condicións súmanse “ós criterios que xa viñamos aplicando no caso dos servizos de vixilancia e de seguridade: As empresas deben subrogar a tódolos empregados e respectar os dereitos laborais que tiveran recoñecidos na súa anterior empresa, incluída a antigüidade”, explicou o Presidente.

O incumprimento terá consecuencias

Vulnerar estas obrigas durante a relación contractual pode levar consigo, segundo indicou Gómez Besteiro, a resolución do contrato; penalizacións, que, en función da gravidade da infracción, poden variar entre un 3 e un 10% do orzamento do contrato; ou mesmo pode ser causa de prohibición para contratar coa administración, cando se trate do incumprimento de condicións especiais de execución de contrato.

A Deputación fará un seguimento rigoroso para velar polo cumprimento destas condicións. Para iso, esixirá ás empresas adxudicatarias que, xunto a cada factura, acrediten con documentación a relación de traballadores e o que cotizan por eles.

Xa está en marcha

A nova política provincial de contratación xa está en marcha. “Estamos tramitando xa 5 pregos que inclúen cláusulas en defensa dos dereitos dos traballadores: no servizo de vixilancia, limpeza, Centro de Atención ó Usuario (CAU), o proxecto europeo do Goberno Intelixente e a aula itinerante de formación. É dicir, a Deputación de Lugo blinda 83 postos de traballo na implantación deste modelo de contratación social”, recalcou o Presidente.