Deputación de Lugo

Anotados os primeiros 100 autónomos e micropemes lucenses ó programa gratuíto de Deputación e EOI para incrementar beneficios

Imaxe deputación de lugo
- Inclúe asesoramento individual e personalizado co que ampliar áreas e canles de venda, captar clientes, mellorar o posicionamento en redes sociais ou incorporar solucións software - Ata 300 pequenos negocios da provincia poden solicitar este plan en www.deputacionlugo.org. Máis información na propia web ou chamando ó 982-26-00-08 

Anotados os primeiros 100 autónomos e micropemes lucenses ó programa gratuíto de Deputación e Escola de Organización Industrial co que incrementarán os seus beneficios ó ampliar as áreas e canles de venda ou as ferramentas de promoción online. Farano co asesoramento individual e personalizado sobre xestión comercial, márketing dixital e implantación de novas tecnoloxías dun equipo de profesionais. Ata 300 pequenos negocios da provincia poden inscribirse neste innovador plan. O prazo segue aberto en www.deputacionlugo.org. Máis información na propia web ou no 982-26-00-08.  

O programa denomínase Proxecto de Dinamización de Tecido Empresarial. O seu obxectivo é mellorar a competitividade de micropemes e autónomos lucenses. Ofrece os seguintes tipos de asesoramento, a escoller entre os beneficiados:

  • Asesoramento en implantación de novas tecnoloxías: proporanse solucións software de negocio. Por exemplo, implantación de infraestruturas de TIC básica ou avanzada; ferramentas de produtividade, facturación, contabilidade, ERP, CRM, Certificado dixital; cursos de formación no ámbito TIC, xestión de fluxos de clientes...
  • Asesoramento en xestión comercial: determinaranse novas liñas de actuación na xestión de mercados e clientes. Por exemplo, novas áreas xeográficas e canles de venda, métodos de captación e fidelización de clientes, medios e ferramentas de promoción on-line...

Ámbolos tipos de asesoramento inclúen accións de mellora encamiñadas a impulsar a estratexia de márketing dixital. Para elo, farase unha completa avaliación das páxinas web (deseño, usabilidade, navegalidade...); do posicionamento nas redes sociais, da reputación online, dos beneficios dun blog, da xeolocalización nas principais plataformas...

Beneficios
Os beneficios deste plan son, entre outros, os seguintes: impulsar a distribución dos produtos; acceder a novos mercados nacionais e internacionais; incrementar e fidelizar os clientes; mellorar os negocios a través da percepción dos propios usuarios, o posicionamento dos produtos no mercado, a eficiencia da organización con solucións informáticas innovadoras...