Deputación de Lugo

A Deputación pon a disposición dos Concellos e empresas da provincia a Guía de Boas Prácticas para a Compra Verde

A guía está ó acceso de todos os interesados en www.deputacionlugo.org. Tamén é posible facerse cun exemplar de xeito gratuíto nas dependencias provinciais en San MarcosO Director de Fondos Europeos presentou hoxe esta iniciativa a representantes dos municipios e entidades lucenses, nunha xornada aberta no Salón de ActosA Deputación xa está incorporar cláusulas medioambientais nos contratos de servizos, tal e como propón a guía, impoñendo prácticas verdes. Co seu Plan Enerxético, reduciu en 200.000 euros os gastos correntes e en 563 toneladas as emisións de Co2 en 20 Concellos

A Deputación ofrece a Concellos e empresas da provincia a Guía de Boas Prácticas para a Compra Verde. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa europeo Lug02, cofinanciado nun 80% por fondos FEDER, que busca fomentar a contratación de bens e servizos respectuosos co medio ambiente co obxectivo de minimizar o impacto ambiental, reducir o consumo enerxético e aforrar gastos correntes. A guía xa está a disposición de todos os interesados en www.deputacionlugo.org. Tamén é posible facerse cun exemplar, de xeito totalmente gratuíto, no Pazo de San Marcos.

O Director de Fondos Europeos, Pablo Rivera, foi o encargado de presentar hoxe a guía a representantes de entidades locais e empresas lucenses nunha xornada aberta no Salón de Actos. Rivera salientou que a Deputación leva tempo aplicando estas prácticas e levándoas ós Concellos debido ás súas claras vantaxes. Destacou o Plan Enerxético, co que o organismo provincial conseguiu reducir en 200.000 euros os gastos enerxéticos anuais e en 563,64 toneladas as emisións de Co2 á atmosfera (o equivalente á plantación de máis de 28.000 árbores) nos primeiros 20 municipios nos que ata o momento se rematou o plan, que continúa noutros Concellos.

Todo isto, tras a contratación de compoñentes enerxético. Por exemplo, lámpadas de baixo consumo, reloxos astronómicos para programar automaticamente o acendido de alumeados públicos, válvulas termostáticas ou descargadores de sobretensión. A Deputación asumiu a compra deste material, así como as auditorías enerxéticas, aforrando máis cartos ás entidades locais, preto de 1 millón de euros en total.

Rivera adiantou que a Deputación tamén está a incorporar cláusulas medioambientais nos contratos de servizos da institución para valorar as prácticas verdes nas adxudicacións. Por exemplo, no contrato de limpeza, que está en fase de presentación de ofertas, imponse a recollida selectiva ou o uso de produtos non nocivos para o medio ambiente. O organismo provincial tamén implantou cláusulas sociais neste e noutros 4 pregos en defensa dos traballadores, sendo a primeira Deputación en España que o fai.