A crise demográfica, analizada polos expertos nun novo debate aberto do ciclo Galicia en clave económica
A Deputación de Lugo e Economía Dixital, en colaboración co grupo El Progreso, celebrarán o vindeiro xoves, 10 de abril, ás 19:30 horas no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, unha nova xornada do ciclo Galicia en clave económica, unha serie de debates abertos e gratuítos nos que, dende o pasado mes de xuño, ós máis destacados expertos en ámbitos como a economía, o emprego, a empresa ou as finanzas, analizaron a situación socioeconómica na que se atopa Galicia na actualidade.
Nesta ocasión, o tema abordado será a crise demográfica, un dos problemas máis graves ós que se enfronta o país. Datos como que a taxa de mortandade de Galicia sexa a máis alta de todas as Comunidades -11,3 persoas por cada 1.000 habitantes-, e a segunda taxa de natalidade máis baixa do país -1,07 nacementos por muller só superados polos 1,05 de Asturias-, e a terceira poboación máis envellecida de España, son certamente preocupantes.
Para analizar esta situación, así como as súas perspectivas de futuro e tratar de atopar as claves para modificar esta tendencia negativa o debate Crise demográfica, a crise silenciosa contará coa presenza dos seguintes expertos:
- Justo Beramendi: doutor en Historia e Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, este especialista en historia das ideoloxías e dos movementos políticos estivo á fronte do grupo de investigación redactor de Dinámicas sociopolíticas en la Galicia urbana.
- Xosé Gabriel Vázquez: doutor en Socioloxía pola Universidade da Coruña, onde actualmente exerce labores docentes que compaxina cunha intensa labor investigadora no ámbito social dirixindo ou coordinando estudos demoscópicos de ámbito rexional, nacional e internacional.
- Carlos Ferrás: doutor en Xeografía e Historia e profesor de Xeografía Humana na Universidade de Santiago de Compostela, é director do Grupo de Investigación Socio-Territorial e do Centro de Estudos Eurorrexionais.
Coma en anteriores ocasións, o debate estará aberto ó público e a asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo. Máis información sobre esta xornada, así como de datas e horarios de vindeiras xornadas en www.deputacionlugo.org.